Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA AVALÍA OS PRINCIPAIS RETOS DA XESTIÓN XUNTO A REPRESENTANTES DE TODAS AS AUTONOMÍAS CON COMPETENCIAS PORTUARIAS

  • A Generalitat Valenciana reúne a directivos e técnicos das comunidades costeiras para afondar nas potencialidades e posibles solucións ás problemáticas comúns.

 

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, participa hoxe e mañá nas Xornadas sobre portos autonómicos que organiza a Generalitat Valenciana nos portos de Denia (Alacante) e Valencia. Este encontro, que dá continuidade ao organizado en 2023 pola Xunta de Galicia en Santiago, reúne a directivos e técnicos das comunidades con competencias en xestión portuaria para afondar nas potencialidades e posibles solucións ás problemáticas comúns que se presentan na xestión diaria.

Entre os aspectos abordados neste encontro, destacan as cuestións referidas á adscrición de terreos portuarios e traspaso de competencias desde a Administración Xeral do Estado ás autonomías; o reto das dragaxes e a problemática da súa urxencia e prazos; a convivencia entre a actividade comercial, pesqueira, industrial e de ocio nos peiraos; o código internacional de seguridade PBIP e a diferencia na xestión das instalacións náuticas a través de clubes e mariñas.

Portos de Galicia participa en dúas das ponencias programadas, así como no coloquio xeral. En concreto, as intervencións afondaron na modificación lexislativa que permitiu ampliar os prazos concesionais de xeito excepcional ata os 75 anos así como na aplicación da normativa de seguridade dos portos comerciais.