Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA E CULTURMAR ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA A ORGANIZACIÓN DO XVII ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS EN RIBEIRA

  • O evento celebrarase do 17 ao 20 de xullo nun espazo cedido polo ente público para fomentar e promocionar o patrimonio marítimo e a flota tradicional

 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a organización do XVII Encontro de embarcacións tradicionais, que se celebrará este ano no peirao de Ribeira. O evento terá lugar entre os días 17 e 20 de xullo nun espazo cedido polo ente público para fomentar e promocionar o patrimonio marítimo e a flota tradicional.

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e o da Federación, José Luis Sacau, asinaron o acordo de colaboración en virtude do cal Culturmar realizará as actividades, funcións e responsabilidades de todo tipo como entidade organizadora nos espazos de mar e terra e edificacións que pon a disposición o ente público.

Tal como se recolle no convenio, a ocupación dos espazos portuarios iniciarase o día 11 de xullo para a realización dos traballos previos de montaxe de carpas e demais elementos e rematará o día 22 de xullo cos traballos de desmontaxe. Ademais, Culturmar deberá cumprir coas obrigas que establece a Lei de espectáculos e obter das administracións públicas competentes, singularmente a municipal, as licencias, permisos, asistencia e control do evento. Tamén será a encargada de xestionar ante o Concello de Ribeira a disposición e aplicación da loxística necesaria de protección e seguridade cidadá durante a celebración do encontro.

Pola súa parte, Portos de Galicia cederá os espazos de titularidade autonómica, tanto en terra como auga, así como os edificios portuarios sinalados no convenio. O ente público contribúe así á celebración desta actividade como medida de impulso á actividade náutico recreativa e pesqueira e como ferramenta de xeración de actividade económica, ademais de preservar o patrimonio marítimo material e inmaterial.