Publicador de contenidos
Portos de Galicia impulsa unha aplicación móbil para o rexistro e difusión de avistamentos de candorcas en tempo real para apoiar a seguridade na navegación
- Portos de Galicia financia a APP Orcinus, desenvolvida polo centro de investigación especializado en grandes cetáceos Bottlenose Dolphin Research Institute do Grove.
- O obxectivo é contribuír a unha mellor planificación da navegación ao permitir coñecer de antemán e durante a propia travesía a presenza destes mamíferos mariños en zonas xeolocalizadas previamente por outras embarcacións.
- Os rexistros xerados conformarán unha base de datos para ampliar o coñecemento científico e estudar as pautas de comportamento destes animais e poder establecer no medio prazo patróns e medidas eficaces para a convivencia coa náutica de recreo.
- Esta ferramenta é unha plataforma única con datos contrastados que aporta garantías no acceso a este tipo de información.
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, presentou hoxe a aplicación móbil Orcinus, deseñada para o rexistro e difusión de avistamentos de candorcas en tempo real co obxectivo de apoiar a seguridade na navegación adiantándose a posibles interaccións con estes grandes mamíferos mariños.
A presidenta do ente público, Susana Lenguas, explicou que esta ferramenta
-desenvolvida polo Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) do Grove, entidade investigadora experta en grandes cetáceos, e na que colaborou a asociación Proxecto Nautilus, que traballa con estas especies no estreito de Xibraltar- se atopa xa dispoñible para a súa descarga e uso tanto en versión Android como iOS.
O principal obxectivo desta ferramenta para telefonía móbil ou tabletas electrónicas é contribuír a unha navegación máis segura ao permitir coñecer de antemán e tamén durante a propia travesía a presenza de candorcas en zonas xeolocalizadas previamente por outras embarcacións. Deste xeito, preténdese aportar aos navegantes un novo instrumento para facer fronte a unha problemática relevante, especialmente para a náutica de recreo, como son os avistamentos ou interaccións con candorcas rexistradas nos últimos anos.
Esta situación xera certa preocupación na comunidade de navegantes -especialmente a vela e en embarcacións de menos de 15 metros- e está a repercutir na chegada de barcos en tránsito a Galicia desde o norte de Europa e o estreito de Xibraltar así como no conxunto da actividade do sector náutico-recreativo da comunidade.
A nova APP permite rexistrar en tempo real a presenza de candorcas e compartir esta información co conxunto da comunidade usuaria da aplicación. Deste xeito, informa dos avistamentos instantaneamente así como dos rexistrados nas semanas previas á consulta, facilitando ao navegante datos para unha mellor planificación da súa travesía.
Para iso, calquera usuario pode darse de alta na aplicación e xeolocalizar avistamentos de candorcas na parte do mundo na que estea a navegar. Eses rexistros son verificados polos responsables do mantemento da APP, que se descarga de xeito automático no idioma no que está configurado o dispositivo do usuario e que emprega os mapas de Google do mesmo xeito para darlle carácter internacional.
Comunidade de navegantes
A presidenta de Portos de Galicia lembrou durante a presentación da aplicación que se trata dunha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta de Galicia ante un problema internacional para a náutica de recreo. Por este motivo, fixo un chamamento á “colaboración da comunidade de navegantes para que se implique no seu uso e permita ter un rexistro o máis amplo posible dos avistamentos para maior seguridade de todos”.
Susana Lenguas explicou tamén que a información xerada conformará unha base de datos -xestionada polo BDRI e Nautilus- para ampliar o coñecemento científico e estudar as pautas de comportamento destes animais así como establecer no medio prazo patróns e medidas eficaces para a convivencia coa náutica de recreo. “A creación dunha plataforma única de acceso universal e con datos contrastados aporta novas garantías fronte a afirmacións contraditorias ou aleatorias”, concluíu a responsable do ente público autonómico.