Publicador de contenidos
PORTOS DE GALICIA INCLUIRÁ A DRAGAXE DO PORTO DE LORBÉ NO CONTRATO DE 3 MILLÓNS DE EUROS PARA A REALIZACIÓN DE ESTUDIOS AMBIENTAIS
- O presidente do ente público informou dos resultados das primeiras inspeccións submariñas que constatan que a perda de calado débese á acumulación de cuncha de mexillón.
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación á dragaxe do porto de Lorbé, no municipio coruñés de Oleiros. Álvarez Vidal informou de que o seu departamento incluirá esta actuación dentro do contrato por valor 3 millóns de euros que o ente público prevé formalizar nos vindeiros meses para a realización de estudios ambientais e de dragaxe no horizonte 2026-2030.
Durante a súa intervención, o presidente de Portos lembrou que durante a tramitación do proxecto para a ampliación do porto de Lorbé os usuarios desta dársena trasladaron a necesidade de ampliar o calado nos diversos peiraos do porto de Lorbé. Esta necesidade foi recollida polo ente público que inmediatamente contratou unha inspección submariña para avaliar o estado do fondo da dársena. Neste primer estudio constatouse que a perda de calado débese á acumulación de cuncha de mexillón.
Tendo en conta esta especificidade, Portos de Galicia contempla na súa planificación de dragaxes a medio prazo a obra de Lorbé para a que ampliará estes primeiros estudios a través do citado contrato de 3 millóns de euros que incluirá estudios para diversos portos de todo o litoral. Esta actuación recóllese nos orzamentos do ente público para 2026 cunha partida plurianual.
Ademais, durante a súa resposta, o presidente de Portos de Galicia enumerou outras actuacións que o seu departamento desenvolveu no porto de Lorbé, entre as que se atopa a dragaxe de rocha realizada en 2022, por importe de 50.000 euros. Así mesmo, reseñou a mellora executada nos pantaláns o pasado mes de abril a través da empresa de mantemento de Portos de Galicia, e a tramitación da obra de ampliación de abrigo cun investimento de máis de 155.000 euros na redacción do proxecto, finalizada a día de hoxe.