Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA INICIA ESTE MES O PROCEDEMENTO DE AVALIACIÓN DO IMPACTO AMBIENTAL DA DRAGAXE DE ESPASANTE

  • Unha vez finalizado este trámite desenvolverase o correspondente proxecto construtivo para a súa licitación e posterior execución dos traballos
  • Esta actuación ten un orzamento estimado que supera o 1,1 millóns de euros e abarcará unha superficie de máis de 24.000 m2 na que retirarase nun inicio 41.000 m3 de sedimentos

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025.- Portos de Galicia inicia este mes o procedemento de impacto ambiental da dragaxe de Espasante que será publicado no Diario Oficial de Galicia antes de finalizar este mes de xuño. Con esta tramitación dáse cumprimento ao recollido na Lei 21/2013 de avaliación de impacto ambiental, polo que está sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria. Estímase que a avaliación do impacto ambiental teña unha duración de 9 meses e, unha vez finalizada, desenvolverase o correspondente proxecto construtivo para a súa licitación e posterior execución dos traballos.

Deste xeito, o ente público da un novo paso para o desenvolvemento desta importante iniciativa que ten como obxectivo de recuperar os calados que permitan mellorar a operatividade en condicións de seguridade desta infraestrutura portuaria. O proxecto, de carácter plurianual, contempla a realización dunha dragaxe inicial de recuperación das dragaxes nominais e dragaxes posteriores de mantemento durante os seguintes catro anos en función das necesidades operativas do porto. Con esta finalidade actuarase nunha superficie de 24.326 m2, cun volume de dragaxe para o primeiro ano de 42.150,00 m³, e estímase que será necesaria unha nova dragaxe de 33.438 m3 para o cuarto ano, aínda que dependerá da sedimentación que se produza nese período.

A dragaxe, que conta cun orzamento estimado que supera o 1,1 millóns de euros, contempla como destino do material a achega á praia da Concha, en Espasante, ao conservarse, deste xeito, o material sedimentario dentro do propio sistema do que é orixinario. Así, non se ocasiona unha diminución de volume de area da praia seca e do cordón dunar que puidese dar lugar a un retroceso da liña de costa. Este material xa presenta unha acusada dinámica erosiva na zona Sur que periodicamente agrávase tras os temporais e que motivou a execución de varias intervencións para a protección da costa nesta fronte litoral.

O prazo de execución da dragaxe inicial é de tres meses e empregarase unha draga de succión encargada da extracción do material e que impulsará o material de dragaxe directamente sobre as zonas de achega na praia da Concha, distribuíndose por medios mecánicos. Durante a dragaxe implantaranse as medidas preventivas e desenvolverase o programa de vixilancia ambiental correspondentes, en cumprimento da normativa sectorial de aplicación e a tramitación do proxecto.