Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA LICITARÁ NOS VINDEIROS MESES AS OBRAS DO NOVO DIQUE DE ABRIGO DE MORÁS, EN XOVE

  • A conselleira do Mar explicou nunha visita á dársena que esta obra reforza a seguridade da frota amarrada actualmente e senta as bases para a ampliación de amarres.

 

Xove (Lugo), 27 de novembro de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, licitará nos vindeiros meses as obras para a construción dun novo dique de abrigo no porto de Morás, no municipio lucense de Xove. Así o anunciou a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde nunha visita á dársena na que explicou que esta primeira fase de actuación reforza a seguridade da frota amarrada no porto actual e senta, á vez, as bases para a futura ampliación de pantaláns.

A conselleira, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que o novo contradique –situado fronte ao dique xa existente- contará cun investimento estimado de 3 millóns de euros que o ente público recolle nos seus orzamentos cunha partida plurianual. A consignación para 2026 é de 87.000 euros, de modo que permita a licitación das obras.

Polo que respecta ás características do novo dique, terá unha lonxitude de 224 metros e aliñarase fronte ao actual pechando a dársena. Deste xeito mellórase o abrigo das embarcacións profesionais con praza actualmente no porto e amplíase a lámina de auga abrigada para que no futuro poida albergar novos pantaláns para a sétima lista.

Con esta obra, engadiu Villaverde, “a Xunta de Galicia dá resposta a unha demanda histórica do Concello de Xove” co que Portos de Galicia leva traballando desde hai máis dunha década nesta actuación, que ata o momento permanecía bloqueada ao precisar a ocupación de terreos que pertencían a Costas do Estado. Finalmente a acta de adscrición que outorga á Xunta os terreos para executar as obras asinouse o pasado mes de outubro permitindo a Portos avanzar definitivamente no proxecto.