Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA RECUPERARÁ A XESTIÓN DO SALÓN JOSÉ PEÑA DE CAMBADOS ANTE A RENUNCIA DO CONCELLO

  • A Administración local desiste da autorización temporal coa que contaba e non presentou solicitude para unha concesión administrativa
  • O canon do ente público ao Concello está bonificado ao 100 %, é dicir, pode ter un custo cero sempre que se cumpran as condicións do título que obrigan a certificar que non se produce actividade con rendemento económico para as arcas municipais

 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021.- Portos de Galicia recuperará a xestión do edificio portuario Salón José Peña de Cambados logo de recibir en días pasados a renuncia do Concello á autorización temporal que lle outorgaba dita xestión. Esta autorización rexía a xestión do salón desde o pasado mes de novembro, tras caducar a concesión administrativa que ostentaba o Concello e sobre a que estaba a incumprir as condicións de dito título.

O pasado mes de novembro Portos de Galicia outorgou a autorización temporal para permitir a xestión do inmoble ao Concello con carácter provisional e á espera de que a Administración local presentase unha solicitude para unha nova concesión, como anunciara. Porén, a día de hoxe, o ente público non ten recibido dita solicitude. Esta renuncia de facto á concesión súmase á renuncia formal que o Concello vén de presentar á autorización temporal, polo que, ante a falla de interese municipal, Portos de Galicia buscará outras alternativas de explotación.

A este respecto, cómpre lembrar que a explotación do Salón José Peña por parte do Concello está suxeita a unha bonificación do 100% por parte da Xunta de Galicia sempre que a Administración local cumpra os requisitos do título administrativo, é dicir, tería un custo 0 para o Concello. Estes requisitos consisten no uso do edificio para actividades de carácter público e que non xeren beneficio económico para o Goberno local. Esta circunstancia debe ser acreditada ante Portos de Galicia polo técnico municipal correspondente e, ata o momento, o Concello de Cambados non presentou dito certificado. En caso de facelo estaría eximido de pago algún a Portos de Galicia en concepto de canon pero, ante a súa ausencia, o organismo portuario liquidou o canon polo importe previsto na lei de taxas sen aplicar esa bonificación.