Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia reitera ao club de remo da Pobra a súa total disposición a regularizar o uso das súas instalacións

  • Portos de Galicia está a analizar a solicitude presentada polo Concello da Pobra para poder ocupar ese espazo e accedendo a bonificacións de taxas.
  • O Executivo galego lembra que desde o primeiro momento fixo as xestións necesarias para que o club se beneficie desa rebaixa e poida manter así tanto a súa actividade como a prestación de servizos aos deportistas da súa área de influencia.

 

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2023. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, mantiveron hoxe un encontro con representantes do Club de Remo da Pobra do Caramiñal no que lle trasladaron a total disposición do Executivo galego a regularizar o uso das instalacións que ocupa na actualidade. Ese espazo é de titularidade autonómica e a súa ocupación sen autorización específica implica a emisión das correspondentes taxas sen a bonificación da que se beneficiaría o club de ter regularizada a situación.

Neste sentido, os representantes da Xunta trasladaron que, unha vez que o Concello da Pobra presentou a solicitude para poder empregar as instalacións e á espera de estudar a documentación presentada, Portos de Galicia vai axilizar o máximo posible a tramitación do expediente para evitar posibles prexuízos á entidade deportiva local.

Susana Lenguas e José Ramón Lete lamentaron ademais que o Goberno local da Pobra tardase tanto en solicitar esa ocupación cando o propio alcalde se comprometera en distintas reunións celebradas desde o ano 2020 a facelo co obxectivo de apoiar a actividade do club de remo.

Os representantes da Consellería do Mar e da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes incidiron en que, se a solicitude presentada polo Concello da Pobra cumpre todos os requisitos e vai acompañada da documentación correspondente, podería concederse a autorización, o que permitiría ao club acceder a esa bonificación das taxas.

A presidenta de Portos de Galicia salientou que a vontade da Xunta foi desde o primeiro momento buscar unha solución coa que a entidade puidese beneficiarse desa rebaixa de taxas -ben mediante autorización ao concello ou ao propio club- para facilitar o mantemento da súa actividade e dos servizos que presta aos deportistas da súa área de influencia.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte salientou a oportunidade de axudar a un club de remo histórico para Galicia, nado en 1979 e que desde 2009 recibiu do Goberno galego preto de 57.000 euros en diferentes liñas de axudas. Do mesmo xeito, destacou a importancia do club da Pobra para o deporte base, co campionato de España de bateis en categoría infantil que conquistou en 2022.