Publicador de contenidos
PORTOS DE GALICIA RENOVA AS LUMINARIAS DOS PEIRAOS DEPORTIVO, COMERCIAL E PESQUEIRO DO PORTO DE SADA CON TECNOLOXÍA LED DE CONTROL TELEMÁTICO
- O conselleiro do Mar comprobou o desenvolvemento da obra nas instalacións sadenses nas que se inicia unha actuación cun investimento total de 3 millóns de euros que se estenderá a unha trintena de peiraos autonómicos.
Sada (A Coruña), 5 de maio de 2025.- Portos de Galicia, ten en proceso de renovación o sistema de alumeado público dos peiraos deportivo, comercial e pesqueiro do porto de Sada, na provincia da Coruña. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe os traballos cos que se inicia unha actuación global que se estenderá a unha trintena de peiraos autonómicos cun investimento por parte da Xunta de Galicia de 3 millóns de euros.
Villares, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que este traballos supoñen a substitución da luminarias tradicionais por tecnoloxía LED de alta prestación e control telemático de modo que se dota aos portos galegos de sistemas de alumeado exterior sustentable. Con esta tecnoloxía modernízase o alumeado exterior dos portos, reducindo o consumo enerxético.
En concreto no porto de Sada, estase a actuar sobre 81 luminarias e proxectores dos peiraos deportivo, comercial e pesqueiro para a súa renovación, incluíndo a retirada das instalacións existentes, substitución polos novos equipos LED, así como a dotación de sistemas de telexestión. O investimento neste porto é de 60.000 euros.
O obxectivo principal destes traballos é reducir a contaminación ambiental e luminosa nos espazos portuarios, co apoio dun sistema de control remoto das luminarias. Así, aportarase maior comodidade visual aos seus traballadores e usuarios ademais de procurar ese aforro enerxético estimado do 60%.
Con este obxectivo, implántase tecnoloxía LED con equipos de altas prestacións deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa durabilidade en ambientes mariños e condicións climáticas adversas. Ademais, incrementarase a protección contra sobretensións.