Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia saca a licitación a renovación da cuberta da lonxa de Muros por máis de 380.000 euros

  • Os interesados teñen de prazo ata o día 29 de xuño para presentar as súas ofertas para realizar uns traballos que consistirán na mellora das condicións de illamento e estanquidade do edificio.

 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022.- Portos de Galicia, vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de renovación e acondicionamento da cuberta da lonxa de Muros. Esta actuación sae a concurso cun orzamento base de licitación de 383.000 euros.

Os interesados terán de prazo ata o 29 de xuño para presentar as súas ofertas e poden consultar todos os documentos e pregos do concurso tanto no perfil do contratante de Contratos de Galicia como na páxina web de Portos de Galicia.

O obxectivo desta actuación é mellorar as condicións de illamento e estanquidade do edificio. Así, as obras previstas inclúen a substitución integral da cuberta de dúas augas por panel de dúas chapas de aceiro así como a renovación da cuberta plana nas zonas restantes. Ademais, instalaranse novos canlóns para as pluviais e retiraranse as reixas existentes ata o momento. Finalmente realizarase unha mellora do alumeado a través de lámpadas de tecnoloxía LED.

Esta actuación, que redundará na mellora das condicións de traballo do sector profesional de Muros, enmárcase nunha liña de acción global que está a desenvolver Portos de Galicia nos edificios de traballo dos portos autonómicos. Así, o ente público está a executar obras na envolvente deste tipo de inmobles ao longo de todo o litoral galego.