Publicador de contenidos
Portos de Galicia solicita unidade aos grupos parlamentarios na defensa das competencias de Galicia en materia de litoral ante os continuos ataques do goberno estatal
A presidenta de Portos de Galicia respondeu unha pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre o Plan Especial de Cambados
- Susana Lenguas advirte da inxerencia xurídica que implica o informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o Plan Especial de Cambados pois pretende aplicar a lei estatal de Costas no dominio público portuario transferido á comunidade autónoma
- A presidenta do ente público lembra que esa interpretación pon en risco instalacións tradicionalmente asentadas en terreos portuarios como a acuicultura ou a depuración de produtos frescos do mar
- O Executivo galego está a realizar as xestións pertinentes para contrarrestar ese ditame e promete unha reacción contundente na defensa dos intereses da cadea mar-industria de Galicia e do conxunto da comunidade
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, respondeu esta mañá unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre as accións que está a desenvolver a Xunta de Galicia ante as obxeccións do Goberno central a preservar a actividade industrial no Plan Especial de Cambados, redactado polo ente público e que está a tramitar o Concello. A representante do Executivo galego solicitou na súa intervención a unidade dos grupos parlamentarios para defender as competencias de Galicia sobre o litoral e os intereses da cadea mar-industria da comunidade.
A presidenta de Portos de Galicia indicou que o informe emitido pola Dirección Xeral da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica supón unha inxerencia xurídica nas competencias transferidas ás comunidades autónomas e insistiu no risco que a actitude do Estado supón para a cadea mar-industria de Galicia e o conxunto da actividade portuaria, asentada no dominio público portuario. Susana Lenguas explicou que o informe ministerial pretende suplantar a Lei de Portos de Galicia pola Lei de Costas do Estado e comprometeu unha reacción contundente en defensa dos intereses da comunidade por parte da Xunta de Galicia.
Durante a súa intervención, enumerou as accións técnicas que Portos de Galicia está a desenvolver para responder ao informe de Costas co obxectivo irrenunciable de sacar adiante o Plan Especial de Cambados e defender as competencias de xestión e a aplicación da lei sectorial de Portos de Galicia.
Finalmente, lembrou que a Xunta de Galicia leva máis de tres anos alertando da inseguridade xurídica que están a xerar as interpretacións restritivas e desleais da normativa por parte do Goberno central o que pon en risco máis dun cento de empresas do complexo mar-industria e outras case 4.000 edificacións do litoral, así como actividades tradicionalmente portuarias como poden ser a acuicultura o a depuración de produtos frescos do mar.