Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA SOMETE A INFORMACIÓN PÚBLICA O ESTUDIO DE IMPACTO AMBIENTAL DA OBRA DE DRAGAXE DE ESPASANTE, EN ORTIGUEIRA

  • Unha vez finalizado este trámite desenvolverase o correspondente proxecto construtivo para a súa licitación e posterior execución dos traballos.
  • Esta actuación ten un orzamento estimado que supera o 1,1 millóns de euros e abarcará unha superficie de máis de 24.000 m2 na que retirarase nun inicio 41.000 m3 de sedimentos.

 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025.- Portos de Galicia iniciou o trámite de información pública do estudio de impacto ambiental da obra de dragaxe no porto de Espasante, no municipio coruñés de Ortigueira. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o anuncio no que se fai pública a documentación para consulta do proxecto e o procedemento para que as persoas interesadas poidan presentar as súas alegacións nun prazo de 30 días hábiles.

Con esta tramitación dáse cumprimento ao recollido na Lei 21/2013 de avaliación de impacto ambiental, segundo a cal esta actuación está sometida ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria. Estímase que esta terá unha duración de 9 meses e, unha vez finalizada, desenvolverase o correspondente proxecto construtivo para a súa licitación e posterior execución dos traballos.

Deste xeito, o ente público da un novo paso para o desenvolvemento desta importante iniciativa que ten como obxectivo de recuperar os calados que permitan mellorar a operatividade en condicións de seguridade desta infraestrutura portuaria. O proxecto, de carácter plurianual, contempla a realización dunha dragaxe inicial nunha superficie de 24.000 metros cadrados para a recuperación de calado e dragaxes posteriores de mantemento durante os seguintes catro anos en función das necesidades operativas.

Aporte á praia da Concha

A dragaxe, que conta cun orzamento estimado de máis de 1,1 millóns de euros, contempla como destino do material a achega á praia da Concha, en Espasante, ao conservarse, deste xeito, o material sedimentario dentro do propio sistema do que é orixinario. O prazo de execución da dragaxe inicial é de tres meses e empregarase unha draga de succión encargada da extracción do material e que impulsará o material de dragaxe directamente sobre as zonas de achega na praia da Concha, distribuíndose por medios mecánicos. Durante a dragaxe implantaranse as medidas preventivas e desenvolverase o programa de vixilancia ambiental correspondentes, en cumprimento da normativa sectorial de aplicación e a tramitación do proxecto.