Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS E MARINAS DE GALICIA ABORDAN A APLICACIÓN DA MODIFICACIÓN DA LEI DE PORTOS QUE PERMITE AMPLIAR ATA 75 ANOS AS CONCESIÓNS DAS INSTALACIÓNS NÁUTICAS

  • Esta medida pretende fomentar os investimentos privados nestas Infraestruturas náuticas que recibiron 5.834 barcos estranxeiros, sumando un total de 31.200 pernoctas, e un volume de negocio 6,2 millóns

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025.- Este ano entrou en vigor a modificación da Lei de Portos impulsada pola Xunta para permitir ampliar os prazos de vixencia das concesións asentadas en terreos portuarios de titularidade autonómica, chegando ata os 75 anos no caso das empresas e entidades con actividade estratéxica para os portos. O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo unha reunión con representantes de Marinas de Galicia, entidade que agrupa a concesionarios de portos deportivos de titularidade autonómica, co obxectivo de abordar a aplicación deste cambio normativo, animando á potenciación dos investimentos nos portos náuticos co conseguinte aumento de actividade económica, de xeración de riqueza e emprego neste sector punteiro dos portos galegos.

Nesta liña, o presidente da entidade pública, compartiu expectativas de cara a este ano despois de que o ano pasado foros rexistrados 5.834 tránsitos de embarcacións estranxeiras nas 73 instalacións náutico deportivas da comunidade sumando un total de 31.200 pernoctas. Así, destacou o potencial de Galicia no desenvolvemento desta modalidade de turismo, vencellado ao Camiño de Santiago por mar e á gastronomía galega, e que serve de elemento dinamizador das economías das comunidades costeiras. Así, o volume de negocio alcanzou os 6,2 millóns de euros no 2024 grazas a unha media de ocupación superior ao 80% ao longo dos 12 meses.

José Antonio Álvarez puxo en valor a estreita colaboración de Portos con estas entidades para impulsar medidas que afonden na calidade dos servizos aos usuarios, impulsando a excelencia que permita atraer máis tránsitos, redundando no crecemento aínda maior do turismo náutico en Galicia, e impulsando a obtención de certificados como a Bandeira Azul, S de Sostibilidade, Q, EMAS ou a ISO 14001. Un traballo que se complementa coa promoción diferenciada en feiras internacionais como a de La Rochelle, Southampton, Dusseldorf, Amsterdam ou París co obxectivo de impulsar á comunidade como destino de turismo náutico de referencia no Atlántico europeo.