Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos e o concello de Sanxenxo ultiman os detalles para a ampliación do prazo da concesión do porto deportivo Nauta Sanxenxo

  • Ambas administracións mantiveron unha reunión de traballo na que constataron a situación de inseguridade xurídica creada polo goberno central sobre as concesións autonómicas que ocupan solo portuario adscrito
  • Denuncian o risco que suporía para a viabilidade da entidade náutica o enfoque estatal ao impoñer un novo canon na superficie adscrita a este peirao autonómico
  • O Executivo galego interpuxo un recurso contencioso contra a orde ministerial da Dirección Xeral de Costas do Estado na que establece o novo pago aos concesionarios
 
Sanxenxo (Pontevedra), 14 de decembro de 2022.- Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo denuncian o grave impacto do proceder do Goberno central impoñendo un novo canon sobre a superficie adscrita e concesionada nos portos autonómicos. Esta medida afecta, entre outras entidades e empresas da cadea mar-industria, ao porto deportivo Nauta Sanxenxo.
Este canon estatal, baixo criterios da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, multiplicaría o importe que a día de hoxe aboa Nauta Sanxenxo a Portos de Galicia como concesionaria do porto de titularidade autonómica polos servizos que o ente público lle presta. 
Así o manifestaron a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, esta mañá nunha reunión de traballo na que afondaron nos proxectos de Nauta Sanxenxo, entidade náutica de titularidade municipal, para ampliar a concesión que ostenta e os servizos que presta aos usuarios. 
A este respecto, as dúas partes advertiron do risco de que dita ampliación estea afectada pola pretensión de Costas do Estado de impoñer un novo canon ás concesións que ocupan superficies adscritas. Isto afectaría aos terreos ampliados nos portos que foron transferidos á Xunta en 1982 e polos que os concesionarios xa aboan a correspondente taxa a Portos de Galicia dado que dita adscrición conforma unha entidade única coa zona do porto transferida.
Deste xeito, as entidades afectadas como Nauta Sanxenxo terían que aboar por unha parte a taxa autonómica da concesión polos servizos que se lle prestan e, a maiores, outra ao Estado por un importe que multiplica o da autonómica. 
Ante a incerteza xerada por esta situación, a presidenta de Portos e o alcalde de Sanxenxo advertiron de que esta imposición poría en risco a viabilidade de Nauta. A este respecto, ambas administracións subliñaron que seguirán a traballar intensamente na defensa da actividade das concesións que se vexan comprometidas por esta situación provocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
De feito, a Xunta xa presentou un recurso contencioso-administrativo contra a orde do Goberno central que establece ese novo canon malia que non houbo ningún cambio lexislativo que o xustifique e tendo en conta que a súa aplicación pon en risco a viabilidade económica de moitas concesións vixentes nas dársenas galegas.