Publicador de contenidos
VILLAVERDE VISITA RIANXO E MANTÉN ENCONTROS CON ENTIDADES DO MUNICIPIO PARA ANALIZAR POSIBLES NOVAS ACTUACIÓNS NESTE CONCELLO CORUÑÉS
- A conselleira do Mar visitou o porto rianxeiro o Club Náutico e a Confraría de Pescadores co obxectivo de estudar as necesidades actuais e abordar posibles vías de colaboración.
- Portos de Galicia investiu 270.000 euros na dotación de luminarias LED e 73.000 euros na mellora do firme da explanada da lonxa e outorgou días atrás unha concesión ao club de piragüismo cunha bonificación do 90% das taxas.
Rianxo (A Coruña), 30 de setembro de 2025.- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, realizou unha visita ao porto de Rianxo para analizar as necesidades actuais desta infraestrutura portuaria. A responsable autonómica tamén mantivo un encontro cos responsables do Club Náutico no abordáronse asuntos de interese para o desenvolvemento e potenciación da náutica de lecer neste municipio coruñés. Nesta liña, destacou que este sector ten un gran potencial e xoga un papel clave na dinamización das comunidades costeiras e na diversificación das súas economías.
A responsable autonómica recordou que Portos de Galicia está a tramitar unha concesión con obxecto de construír e explotar unhas novas instalacións náutico recreativas. A actuación prevista supón un investimento estimado de 1,7 millóns de euros por parte do club náutico. A conselleira indicou que esta mesma mañá Portos de Galicia recibiu o preceptivo informe favorable do Ministerio de Transición Ecolóxica que permite avanzar na tramitación. Así mesmo, recibiuse tamén o informe favorable para as obras de mellora da operatividade do porto.
A titular de Mar tamén mantivo un encontro con representantes da Confraría de Pescadores de Rianxo para abordar as necesidades dos profesionais do mar neste municipio. Así, Villaverde enmarcou esta xuntanza na intensa axenda que está a realizar desde que tomou posesión do cargo para visitar cada un dos pósitos galegos. O obxectivo é coñecer as demandas singulares de cada e estudar conxuntamente medidas que permitan continuar avanzando na competitividade e sustentabilidade da actividade pesqueira.
Durante a súa visita ao porto rianxeiro, a conselleira do Mar comprobou tamén a finalización dos traballos de dotación de novas luminarias LED nas que Portos de Galicia investiu 270.000 euros así como a renovación do firme da explanada situada diante da lonxa, que se rematará nos vindeiros días e na que o ente público inviste 73.000 euros. Finalmente, Marta Villaverde informou tamén de que Portos de Galicia vén de outorgar unha concesión ao club de piragüismo de Rianxo para a ocupación do edificio de deportes náuticos, cunha bonificación do 90% das taxas portuarias dada a actividade formativa á que se destina o inmoble. Ademais está a tramitar unha concesión a favor do Club de Remo para o uso do almacén de material e embarcacións e área de adestramento, susceptible tamén de bonificarse ao 90%.