Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A XUNTA DE GALICIA INVESTIRÁ 2,2 MILLÓNS DE EUROS NA MELLORA DE ABRIGO E AMPLIACIÓN DE ATRACADAS NO PEIRAO DE PORTOSÍN

  • A conselleira do Mar, Marta Villaverde, informou da sinatura do contrato para o inicio das obras que consistirán na construción dun pantalán para 17 embarcacións pesqueiras e un dique flotante para o seu abrigo
  • Os traballos, que inclúen unha dragaxe de rocha, teñen un prazo de execución de 9 meses

 

Porto do Son (A Coruña), 15 de xullo de 2025.- A Xunta de Galicia investirá 2,2 millóns de euros na mellora do abrigo do porto de Portosín e a ampliación de atracadas. Así o confirmou esta mañá a conselleira do Mar, Marta Villaverde, nunha visita ao peirao sonense na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez.

A conselleira informou da sinatura do contrato coa empresa adxudicataria que acometerá as obras, consistentes na construción dun pantalán flotante de formigón para 17 embarcacións pesqueiras e a construción dun dique flotante de 120 para o seu abrigo. Villaverde lembrou que esta actuación da resposta ás necesidades do sector profesional dun porto de destaca importancia pesqueira como o de Portosín.

O novo pantalán situarase na zona da nave de redes e acollerá 13 embarcacións de artes menores e 4 de cerco. Para mellorar o acceso e manobra das embarcacións nesta nova instalación, o proxecto inclúe tamén unha dragaxe de máis de 400 metros cúbicos de rocha.

Finalmente, a conselleira indicou que os traballos contan cun prazo de execución de 9 meses e con esta actuación Portos de Galicia amplía a capacidade da dársena de Portosín, dando cabida ao conxunto da flota que conta con 60 embarcacións menores e de cerco. Villaverde lembrou que Portosín é un dos portos de cerco máis importantes de España e de Europa e que o investimento da Xunta de Galicia correspóndese coa relevancia da súa actividade. Así mesmo, incidiu en que coas obras mellóranse as condicións das embarcacións de artes menores e cerco e refórzase a seguridade do conxunto da frota amarrada nesta dársena a través dun novo dique de abrigo.

 

Luminarias LED

Durante a súa visita a Portosín, a conselleira do Mar lembrou tamén que Portos de Galicia iniciará tamén nos vindeiros días as obras de renovación da iluminación exterior do porto substituíndo as actuais luminarias por tecnoloxía LED con control telemático que permitirá un aforro enerxético estimado do 60%. O ente público investirá nesta actuación 112.000 euros.