Publicador de contidos
A xunta destaca o esforzo constante da confraría de malpica por optimizar as súas instalacións e ofrecer os mellores servizos aos seus socios
A conselleira do Mar visitou a lonxa, a fábrica de xeo e mantivo un encontro coa confraría de pescadores de Malpica.
- Rosa Quintana salienta que a entidade realizou un importante labor para recuperar a puxanza do porto local e mellorar a súa situación económica.
- A titular de Mar subliña a entrega do sector para poñer a disposición da cidadanía alimentos saudables e da máxima calidade cunha capacidade de sacrificio que quedou patente durante a alerta sanitaria pola covid-19.
Malpica de Bergantiños (A Coruña), 24 de maio de 2023.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa e a fábrica de xeo de Malpica e mantivo un encontro cos representantes da confraría de pescadores local para analizar as necesidades dos profesionais da zona. Neste sentido, a representante do Executivo galego salientou que esta entidade é un bo exemplo do compromiso das confrarías da comunidade coa mellora constante das súas instalacións para facilitar o traballo dos pescadores e mariscadores da súa área de influencia.
A titular de Mar destacou que a confraría de Malpica, e singularmente o seu patrón maior, realizaron un importante labor para recuperar a puxanza do porto local e mellorar a situación económica da entidade. Para logralo impulsaron numerosas melloras nas instalacións que dan servizo aos profesionais da zona como a propia lonxa ou a fábrica de xeo, o que fai deste peirao unha boa opción para mercar distintos produtos do mar da máxima calidade e frescura.
De feito, a lonxa malpicá marcou o pasado exercicio o seu segundo mellor rexistro en termos de facturación desde o ano 2009 ao superar os 4,4 millóns de euros co polbo como a principal especie. A continuación aparecen outras como a sardiña, o xurelo, o percebe, o abadexo ou a pescada.
Rosa Quintana, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, puxo en valor o traballo constante do sector para ofrecer ao conxunto da cidadanía alimentos saudables e a capacidade de sacrificio mostrada en épocas de dificultades como a derivada da alerta sanitaria pola covid-19.
Estas xuntanzas enmárcanse nos contactos que mantén de xeito periódico a Consellería do Mar coas distintas confrarías de pescadores e asociacións do sector para estudar e coñecer as necesidades de cada zona e buscar posibles solucións. Rosa Quintana incidiu en que este tipo de encontros son especialmente relevantes en momentos de gran complexidade como o actual pois, unha vez superada a pandemia, apareceron dificultades como as derivadas da guerra en Ucraína, o encarecemento das materias primas e da enerxía ou a espiral inflacionista na que se atopa inmersa o conxunto da economía.