Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A XUNTA E O CONCELLO DE VILAGARCÍA COLABORAN PARA A CELEBRACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS EN TERREOS PORTUARIOS

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, para afondar nas vías de colaboración entre ambas administracións na celebración de actividades en solo portuario. En concreto, afondaron na organización de eventos de carácter cultural para público xeral que teñen lugar en terreos de dominio público portuario.

O presidente de Portos de Galicia destacou as bonificacións contempladas na lei de taxas para a ocupación de solo portuario por parte das administracións públicas e informou de que o ente público cobra de media menos de 200 euros polo uso do solo portuario para actividades festivas de carácter público promovidas por confrarías de pescadores ou entidades veciñais.

Durante o encontro, ambas partes subliñaron a súa plena disposición para dar continuidade a unha colaboración institucional fluída que permite coordinar os esforzos da administración autonómica e a municipal para as activades e servizos públicos nos que ambas se implican.

Reversións

Na xuntanza, o presidente de Portos informou ao alcalde de Vilagarcía do estado de tramitación do expediente de reversión ao Estado de terreos portuarios en Vilaxoán declarados innecesarios. Neste sentido, Álvarez indicou que o pasado mes de setembro o Consello da Xunta rematou a tramitación autonómica deste procedemento e que corresponde agora á Administración Xeral do Estado a súa formalización, ao igual que noutras 16 das 25 reversións solicitadas polos concellos, restando 8 expedientes que se abordarán este ano