Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de galicia e o concello de sanxenxo colaboran para acelerar a recuperación da praia de carabuxeira

  • O presidente do ente público e o alcalde mantiveron unha reunión para establecer as prioridades de actuación tras recibir o informe de Costas do Estado solicitado hai ano e medio, que determina as condicións para ceder os terreos necesarios para as obras.

Sanxenxo (Pontevedra), 13 de xaneiro de 2026.- Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo colaboran para acelerar a tramitación que permita iniciar as obras de recuperación da praia de Carabuxeira, situada en dominio público portuario. O presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde do municipio, Telmo Martín, mantiveron esta mañá unha reunión na sede do ente público na que estableceron as prioridades de actuación toda vez que o ente público acaba de recibir o informe de Costas do Estado que establece as condicións para ceder á Xunta os terreos necesarios para executar as obras previstas polo Concello.

Estes traballos consistirán na construción dun novo espigón que conteña a area que vén perdendo o areal desde hai décadas. Para isto é necesaria a transferencia á comunidade autónoma dos terreos nos que o Concello executará as obras que ata o momento pertencen á Administración Xeral do Estado.

Por este motivo, Portos de Galicia solicitou en agosto de 2024 a adscrición do solo e recibiu días atrás o informe de Costas do Estado que establece as condicións para este cambio de titularidade a favor da Xunta, que se recollerá na acta de adscrición que deberán asinar ambas administracións, estatal e autonómica.

 

Imposición de canon estatal aos usuarios

Entre as condicións que establece o Goberno central para a adscrición dos terreos á Xunta imponse un novo canon que os usuarios dos terreos adscritos deberán pagar ao Estado, a maiores das taxas que correspondan polas concesións, autorizacións, ou ben prestacións de servizos por parte de Portos de Galicia. A Xunta de Galicia rexeita esta nova imposición e alerta do impacto negativo que terá sobre a economía dos usuarios portuarios dado que non só atinxe aos terreos que se transferirán proximamente para a recuperación da praia de Carabuxeira senón tamén a todas aquelas instalacións en terra ou na lámina de auga que se sitúen en terreos diferentes aos transferidos inicialmente nos decretos de transferencia de competencias ás comunidades autónomas dos anos 80.