Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia investirá 2M€ na mellora do abrigo e a ampliación de prazas de amarre no porto de Portosín

A conselleira do Mar visitou o peirao de Portosín para informar dos proxectos que ten en marcha o Executivo galego na zona.

 

  • A solución elixida entre catro propostas técnicas avaliadas suporá a instalación dun dique de abrigo flotante de 120 metros de lonxitude e a construción de pantaláns para habilitar zonas de atraque para 17 embarcacións na contorna da nave de redes
  • O Goberno autonómico continuará co expediente para a súa licitación en canto dispoña do informe favorable de Estratexias Mariñas, que foi solicitado ao Executivo central en outubro do ano pasado
  • A titular de Mar salienta que os traballos previstos buscan dar resposta ás necesidades trasladadas polas distintas entidades usuarias das instalacións e atender situacións como a maior presenza de buques de cerco en determinados momentos

 

Porto do Son (A Coruña), 20 de marzo de 2023.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe o porto de Portosín para presentarlle tanto á confraría de pescadores como aos xestores da náutica recreativa, o Concello de Porto do Son e outras entidades locais a proposta técnica deseñada pola Xunta para mellorar o abrigo da dársena e ampliar atraques pesqueiros no peirao. O proxecto elaborado por Portos de Galicia, que suporá un investimento de arredor de 2 millóns de euros, pasa pola dotación dun dique flotante para protexer a dársena do mar e do vento así como a instalación de pantaláns profesionais para mellorar as condicións de amarre da frota.

A titular de Mar salientou que as actuacións previstas dan resposta ás necesidades trasladadas polas distintas entidades usuarias das instalacións e consisten nunha solución elixida entre catro propostas técnicas para abrigar a lámina de auga do porto e habilitar novas prazas de atraque para as embarcacións profesionais.

Rosa Quintana, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou que o proxecto técnico seleccionado pasa pola instalación dun dique de abrigo flotante de 120 metros de lonxitude e construír pantaláns para habilitar espazos de amarre para 17 embarcacións nas proximidades da nave de redes do porto.

Os traballos levan aparellada a execución dunha dragaxe nas inmediacións do dique flotante para habilitar unha canle de entrada ao peirao e, en conxunto, o prazo de execución de todas as actuacións unha vez que poidan iniciarse é de seis meses.  

Neste sentido, a conselleira subliñou que a Xunta está en disposición de continuar co expediente para a contratación das obras, pero debe esperar a contar co informe favorable de Estratexias Mariñas que foi solicitado ao Goberno central en outubro do ano pasado.

A titular de Mar puxo de relevo que as obras pretenden mellorar a operatividade e a protección das embarcacións ante as inclemencias meteorolóxicas e marítimas. O porto conta con presenza do sector náutico-recreativo e tamén do pesqueiro, coa frota de cerco como a máis importante. Ao longo do ano operan nel arredor dunha trintena de buques, pero nalgúns momentos roldan os 40 pola chegada de embarcacións procedentes doutras comunidades como o País Vasco ou Cantabria. Coas actuacións previstas ampliarase a área de atraque e liberaranse espazos nos peiraos.  

A representante do Executivo galego incidiu durante a visita en que Portos de Galicia tamén está a ultimar dous proxectos técnicos no porto de Porto do Son, tanto a nova nave de redes como a dotación de máis departamentos para os usuarios do peirao.