Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia investirá arredor de 450.000 euros para habilitar novos departamentos de usuarios do sector pesqueiro no porto de Sanxenxo

  • A presidenta de Portos de Galicia presentou tanto á confraría de pescadores local como ao Concello o proxecto para mellorar a ordenación e integración da actividade pesqueira nunha contorna marcadamente turística.

 

Sanxenxo (Pontevedra), 23 de marzo de 2023.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a traballar na licitación do proxecto de implantación de novos departamentos para usuarios do sector pesqueiro no porto de Sanxenxo. Así o comunicou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona para presentar o proxecto, orzamentado en 450.000 euros, tanto á confraría de pescadores local como ao Concello.

A responsable do organismo autonómico explicou que a proposta prevé 14 departamentos en dúas aliñacións, separados por unha rúa e situados nunha superficie duns 300 metros cadrados que actualmente está destinada parcialmente á almacenaxe de útiles dos mariñeiros. “O obxectivo desta actuación é dotar ao sector profesional dun espazo para gardar as súas redes, nasas e demais elementos e á vez, xerar unha maior orde visual na contorna, cun marcado carácter turístico”, subliñou Susana Lenguas.

Os departamentos que se proxectan serán modulares, con case 19 metros cadrados de superficie cada un, a excepción dun de 26, e non superarán os tres metros de altura. Estarán conformados por formigón prefabricado de fácil montaxe e desmontaxe e contarán cunha porta de acceso de anchura completa e dous ocos circulares para facilitar a iluminación e ventilación natural.

Estes novos espazos estarán provistos tamén de cadro eléctrico, toma de corrente e iluminación LED ao tempo que contarán con conexión á rede de saneamento e provisión de auga sanitaria con contador independente.