Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia inviste máis de 100.000 euros en melloras para o sector profesional de Barallobre, en Fene

  • Portos de Galicia vén de rematar os traballos de instalación de pavimento tecnolóxico nas instalacións flotantes e ten en execución a construción de vestiarios para os profesionais do sector marisqueiro.

 

Fene (A Coruña), 4 de novembro de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir máis de 100.000 euros en diferentes actuacións de mellora no porto de Barallobre, no municipio coruñés de Fene. Así o comunicou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona na que estivo acompañada pola directiva da confraría de pescadores de Barallobre e de distintos representantes municipais.

A responsable do organismo dependente da Consellería do Mar explicou que o ente público programou nos últimos meses dúas actuacións que melloran as condicións do sector profesional de Barallobre. De feito, vén de rematar os traballos de instalación de pavimento tecnolóxico nas instalacións flotantes e ten en execución a dotación de vestiarios e aseos para os profesionais do sector marisqueiro.

A presidenta de Portos comprobou durante a súa visita o avance nos traballos de dotación dos vestiarios para mariscadoras e mariscadores. Estes locais estarán dotados de lavabos, aseos, duchas e armarios individuais para que poidan gardar os seus obxectos persoais. Dita instalación execútase na edificación anexa á nave da lonxa e complétase coa instalación dun panel sándwich na cuberta.

Susana Lenguas visitou ademais as obras de renovación do pavimento dos pantaláns, rematadas recentemente. Estes traballos incluíron a retirada do pavimento de madeira dos brazos de amarre, ramplas de acceso e pantaláns e a instalación dun novo material tecnolóxico, con maior resistencia á acción do mar.