Contido web
Funcións atribuidas por lei ao ente público Portos de Galicia
Conforme aos artigos 8 e 9 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de Portos de Galicia, a entidade pública empresarial Portos de Galicia ten por obxecto e funcións as seguintes:
Obxecto
-
Á entidade pública empresarial Portos de Galicia correspóndelle o proxecto, a construción, a conservación, a mellora, a ordenación, a administración e a explotación das obras, instalacións, servizos e actividades portuarias, así como a planificación das zonas de servizo e as súas futuras ampliacións, nos termos previstos nesta lei.
Asumirá igualmente as funcións que, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma, lle poida atribuír a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de xestión e actuacións no dominio público marítimo-terrestre. -
Sen prexuízo das competencias que esta lei atribúe aos órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a entidade pública empresarial Portos de Galicia dispoñerá das potestades reguladas nesta lei e das facultades necesarias para a realización dos seus fins.
-
Para os efectos do desenvolvemento e o cumprimento dos devanditos fins, o ámbito territorial de cada porto será o comprendido dentro dos límites da súa zona de servizo.
Funcións
-
Dentro da esfera de actividades encadradas no obxecto delimitado no artigo anterior, Portos de Galicia xestionará a explotación das instalacións portuarias e dos demais bens adscritos ao seu patrimonio.
-
A entidade pública empresarial asumirá o fomento global da actividade económica no ámbito dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, das actividades industriais e comerciais directamente relacionadas co tráfico portuario e mais da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico en materias relacionadas coa explotación e a construción portuarias.