Publicador de contidos
A CONSELLEIRA DO MAR TRASLADA AO ALCALDE DE MALPICA AS ACTUACIÓNS PREVISTAS PARA O REFORZO DA SEGURIDADE NO INTERIOR DA DÁRSENA
- Portos de Galicia investirá 262.000 euros nun estudio de novas solucións técnicas coa Universidade da Coruña.
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025.- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Malpica para trasladarlle as actuacións previstas polo seu departamento para o reforzo da seguridade e mellora da operatividade no interior da dársena do peirao malpicán. Villaverde ratificou o compromiso da Xunta por mellorar as condicións de axitación neste porto e minimizar o risco para os usuarios e a frota con base nel.
A conselleira, que estivo acompañada tamén polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, indicou que nos vindeiros meses desenvolveranse os traballos contemplados no convenio asinado polo ente público e a Universidade da Coruña para determinar novas solucións técnicas ante a situación de exposición extrema que sofre o porto de Malpica.
Portos de Galicia investirá neste traballo de investigación 262.000 euros e a Universidade da Coruña realizará ensaios das posibles solucións técnicas na Dársena Multidireccional 3D do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) de recoñecido prestixio investigador. Este modelo físico a escala en tres dimensións de gran tamaño introduce unha compoñente de innovación de grande importancia nesta problemática, fronte aos modelos matemáticos.
O estudio desenvolverase durante 10 meses e afondará no coñecemento científico sobre o fenómeno da onda longa, moi pouco estudado ata o momento e que non se tiña en conta na construción das infraestruturas portuarias que permanecen en uso na actualidade.