Publicador de contidos
A CONSELLERÍA DO MAR INVESTIRÁ MÁIS DE 800.000 EUROS ESTE ANO NA MELLORA DE INFRAESTRUTURAS E SERVIZOS NOS PORTOS DE MUROS
•O conselleiro do Mar presentou o proxecto de reconstrución dun tramo de peirao na dársena interior de Muros, que xa se atopa en licitación, e o da rampla de Esteiro, cuxa execución está prevista tamén neste exercicio
Muros (A Coruña), 5 de marzo de 2025.- Portos de Galicia, investirá máis de 800.000 euros en distintas actuacións ao longo deste ano que redundarán na mellora das infraestruturas e servizos dos portos do municipio coruñés de Muros. Así o comunicou hoxe o conselleiro Alfonso Villares nunha visita ao porto muradán para presentar os proxectos previstos para o municipio.
O conselleiro, que estivo acompañado na súa visita polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, deu a coñecer os detalles da obra de reconstrución dun tramo de peirao na dársena interior de Muros, que se atopa en fase de licitación dos traballos. O prazo de presentación de ofertas remata o 17 deste mes.
Esta actuación, orzamentada en 361.000 euros suporá a reconstrución de 18 metros de peirao para reforzar a súa estabilidade afectada pola propia acción do mar. O prazo de execución dos traballos será de 6 meses e reforzarán a seguridade das persoas ou maquinaria que circule por esta zona ao tratarse dun espazo accesible para o tránsito. Os traballos incluirán tamén a reposición de todos os elementos de mobiliario urbán e servizos afectados.
Durante a súa visita, Alfonso Villares presentou tamén o proxecto para a mellora da rampla de Esteiro, que se atopa xa redactado. As obras, que se prevé que poidan iniciarse antes de final de ano consistirán na construción dunha rampla de descarga para dar servizo ás embarcacións menores con base no porto sobre o peirao existente. Contan cun orzamento de 215.000 euros e un prazo de execución de 6 meses. Esta actuación dá resposta a unha demanda reiterada pola confraría de pescadores de Muros.
233.000 euros en luminarias
Finalmente, o conselleiro anunciou tamén o próximo inicio das obras de substitución das luminarias portuarias por tecnoloxía LED con control telemático. Esta actuación realizarase en primavera en función da meteoroloxía. Portos de Galicia investirán 233.000 euros nestas obras que permitirán un aforro enerxético estimado do 60%.