Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A Xunta consensúa co concello de Moaña e a sociedade deportiva Tirán o novo proxecto para a nave de remo

  • A modificación supón un incremento de 200.000 euros que se asumirá a partes iguais polas tres administracións co que o investimento total ascende a 500.000 euros.

 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, mantiveron esta mañá unha reunión con representantes do Concello de Moaña e da Sociedade deportiva Tirán para abordar a tramitación das obras de reforma da nave de remo na que desenvolve a súa actividade a entidade deportiva. Neste encontro as tres administracións que financian a actuación e os propios usuarios consensuaron as características do novo proxecto e os seguintes pasos para executalo.

Este novo proxecto dará continuidade aos traballos logo da renuncia da anterior empresa adxudicataria da obra que executara o 25% do total previsto. Para a súa tramitación redactarase unha addenda ao convenio de colaboración asinado entre Portos de Galicia, Deportes e Concello para a financiación das obras e ratificarase polo Consello da Xunta e o pleno de Moaña. Unha vez rematados estes trámites, Portos de Galicia prevé poder sacar a licitación a obra despois do verán de modo que poida contratala no último trimestre do ano. 

O orzamento do novo proxecto suporá un incremento de 200.000 euros que se asumirá a partes iguais polas tres administracións co que o investimento total na reforma da nave ascende a 500.000 euros. Esta suba responde á inclusión de melloras no sistema contra incendios así como á actualización dos prezos de obra.