Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A xunta contempla nos orzamentos para 2025 obras portuarias por importe de 5,2 millóns na contorna de pontevedra

O conselleiro do Mar presentou esta mañá en Sanxenxo as previsións económicas do seu departamento para a comarca

 

  • Alfonso Villares subliñou a relevancia dos investimentos previstos para a dotación de departamentos nos portos de Sanxenxo e Combarro así como para a dragaxe do Lérez, toda vez que o Goberno central autorice o depósito dos áridos
  • Portos de Galicia contempla en total para o conxunto da comunidade 18 millóns de euros para o próximo exercicio, que comprometen actuacións por importe de 108 millóns de euros

 

Sanxenxo (Pontevedra), 18 de outubro de 2024.- A Xunta de Galicia contempla 5,2  millóns de euros nos orzamentos de 2025 para actuacións de mellora nos portos de titularidade autonómica da contorna de Pontevedra. Así o anunciou esta mañá o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nunha visita ao porto de Sanxenxo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, para presentar as previsións de investimento do seu departamento durante o vindeiro ano.

O titular de Mar explicou que os Orzamentos 2025 aprobados o xoves polo Consello da Xunta contemplan partidas específicas para 3 grandes actuación na comarca de Pontevedra. Así detallou que a Xunta prevé investir na construción de departamentos para usuarios do sector profesional de Sanxenxo e de Combarro así como na dragaxe do río Lérez e a canle de acceso ao porto de Pontevedra.

Ao respecto destas actuacións Alfonso Villares explicou que no caso de Sanxenxo consígnanse 550.000 euros, mentres que para os departamentos de usuarios de Combarro destinaranse máis de 1,1 millóns de euros e para a dragaxe do Lérez, 3,6 millóns de euros. En canto á planificación orzamentaria, o conselleiro destacou que para Sanxenxo contémplase unha única anualidade de investimento para a execución das obras ao longo do vindeiro exercicio, mentres que para os departamentos de usuarios de Combarro e a dragaxe do Lérez contémplanse partidas plurianuais que responden aos tempos de tramitación preceptivos, que neste último caso veñen condicionados pola necesaria autorización por parte do Goberno central dun punto de depósito para os áridos que se extraian da dragaxe.

Polo que respecta ás obras de Sanxenxo, Villares lembrou que se construirán 14 departamentos en dúas alineacións, separados por unha rúa e ubicados nunha superficie duns 300 metros cadrados que actualmente está destinada parcialmente a acopio de enseres dos mariñeiros. “O obxectivo desta actuación é dotar ao sector profesional dun espazo para gardar a súas redes, nasas e demais elementos e á vez, xerar un maior orde visual na zona”, engadiu.

 

Orzamento global

Durante a súa visita a Sanxenxo, o conselleiro do Mar aludiu tamén ao orzamento global da Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia para o conxunto do sistema portuario de cara ao vindeiro exercicio 2025. Neste sentido, Villares destacou que as contas do Executivo autonómico contemplan un investimento total de 17,7 millóns para os portos de titularidade autonómica no vindeiro exercicio. Esta partida compromete actuacións cuxo importe total ascende a 108 millóns de euros para as 3 provincias costeiras.

A provincia de Pontevedra é a que recibe unha consignación maior para obras portuarias que se detallan no orzamento con 3,3 millóns en 2025 para actuacións plurianuais que ascenden en total a 32,7 millóns de euros. Para os portos da provincia da Coruña consígnanse en 2025 case 2,7 millóns de euros destinados a investimentos plurianuais cuxo orzamento ascende a 34,6 millóns. Finalmente, para a provincia de Lugo destínanse 850.000 euros en 2025 e comprométense así actuacións plurianuais por case 13 millóns de euros.

 

Partidas xenéricas

Ademais destas partidas para obras singularizadas, os orzamentos recollen importantes investimentos xerais que abranguen a varios portos. É o caso da dotación de luminarias LED en 26 peiraos, cun orzamento de 3,6 millóns; as novas capas de pavimentos e firmes nos portos, que contarán con 1,8 millóns; ou a mellora das instalacións náuticas para a que se consigna 1,2 millóns de euros.

 

Máis recursos

A Consellería do Mar disporá de máis recursos o vindeiro ano para o desenvolvemento de políticas pesqueiras e de apoio ao sector que ascenderán a máis de 220 millóns de euros, o que supón un incremento do 2,9% respecto ao 2024. A estes fondos hai que sumar os recursos de Portos de Galicia e do Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación Cetmar, ambos vinculados ao departamento autonómico deixando o investimento do Goberno galego no desenvolvemento do sector pesqueiro en máis de 247 millóns de euros.