Publicador de contidos
A xunta de galicia adxudica por 650.000 euros as obras de rehabilitación e mellora do peirao mexilloeiro de moaña
- O conselleiro do Mar presentou os detalles da actuación que permitirá recuperar a operatividade do dique da Mosqueira ao reforzar os faldóns laterais e aplicar unha protección preventiva ao conxunto da estrutura
Moaña (Pontevedra), 26 de febreiro de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá 650.000 euros nas obras rehabilitación e mellora do peirao mexilloeiro de Moaña, en Pontevedra. Así o comunicou hoxe o conselleiro Alfonso Villares nunha visita ao porto no que presentou os detalles da actuación que poderá comezar nas vindeiras semanas, cando as condición meteorolóxicas o permitan.
O conselleiro, que estivo acompañado na súa visita polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, remarcou que esta actuación permitirá recuperar a operatividade do chamado dique da Mosqueira grazas ao reforzo dos faldóns laterais de protección para evitar novas roturas ou desprendementos. Con este fin, as obras consisten no reforzo e construción dun novo paramento exterior do peirao de mexilloeiros.
En concreto os traballos incluirán a instalación de módulos prefabricados de características similares aos existentes no resto de vanos na zona afectada e a instalación dun sistema de defensa para a atracada das embarcacións. A zona de actuación abrangue 30 metros do peirao mexilloeiro, na cara exterior leste.
Villares subliñou tamén que a actuación proxecta a realización de varias medidas de mellora e protección preventiva para o resto da estrutura que non sufriu aparentemente danos exteriores, e en consideración da posibilidade de que o deseño orixinal poida non ser suficientemente robusto para resistir as solicitacións de traballo. Nas zonas agretadas ou con problemas de recubrimento, realizarase un saneo, limpeza e aplicación de morteiro específico. Finalmente substituiranse as defensas de todo o peirao.