Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A XUNTA DE GALICIA INVESTIRÁ 1,4 MILLÓNS DE EUROS PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE TRABALLO DOS MARIÑEIROS DO PORTO DE COMBARRO, EN POIO

  • A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou a dársena pontevedresa para informar á confraría de pescadores da licitación das obras de acondicionamento dos departamentos, cofinanciadas con fondos Fempa.

 

Poio (Pontevedra), 2 de outubro de 2025.- A Xunta de Galicia investirá 1,4 millóns de  euros na mellora das condicións de traballo dos mariñeiros do porto de Combarro, no municipio pontevedrés de Poio. Así o comunicou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, nunha visita ao peirao, na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, entidade promotora da actuación, José Antonio Álvarez.

A conselleira lembrou que o Consello da Xunta informou o pasado día 22 do inicio da licitación pública das obras de acondicionamento dos departamentos para usuarios do porto de Combarro, cun orzamento base de 1,4 millóns de euros, IVE incluído. Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.gal.

Villaverde informou á confraría de pescadores, que demandara reiteradamente esta actuación, de que os traballos consistirán na renovación da envolvente dos tres edificios que albergan en total 28 departamentos. Así mesmo dotaranse os edificios de aseos e conexión á rede de saneamento. En concreto, rehabilitarase a estrutura de formigón e posteriormente aplicarase un revestimento de Protección. Instalarase unha nova cuberta formada por panel sandwich e renovarase a carpintería que se realizará en aluminio.

Finalmente dotarase cada departamento dun aseo e conectaranse os tres edificios e a oficina portuaria á rede de saneamento. Para isto, é precisa a creación dunha rede de abastecemento en tubaxe e dun pozo de bombeo para conectar coa rede principal por impulsión. O prazo de execución dos traballos, unha vez iniciada a obra, será de 9 meses.