Publicador de contidos
A XUNTA DE GALICIA INVESTIRÁ 140.000 EUROS PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE TRABALLO DOS PROFESIONAIS DO MAR NO PORTO DE ESTEIRO, EN MUROS
- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou a dársena muradá para informar á confraría de pescadores da licitación das obras de mellora da rampla de descarga para as embarcacións menores.
Muros (A Coruña), 1 de outubro de 2025.- A Xunta de Galicia investirá 140.000 euros na mellora das condicións de traballo dos mariñeiros do porto de Esteiro, no municipio coruñés de Muros. Así o comunicou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, nunha visita ao peirao, na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, entidade promotora da actuación, José Antonio Álvarez.
A conselleira lembrou que o Consello da Xunta informou o pasado día 15 do inicio da licitación pública das obras de ampliación da rampla do porto de Esteiro, cun orzamento base de 140.000 euros, IVE incluído. Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.gal.
Villaverde informou á confraría de pescadores, que demandara reiteradamente esta actuación de que os traballos consistirán na construción dunha rampla de descarga para dar servizo ás embarcacións menores con base no porto sobre o peirao existente. Para a construción da rampla será preciso demoler a parte superior do peirao ata formar a pendente da mesma. Partirá da cota +4.90 e descenderá cunha pendente constante de 10.90% ata a cota +1.50. Acadada dita cota contará cunha meseta horizontal de 5 metros de longo, sumando en total 36 metros de longo.
O prazo de execución dos traballos, unha vez iniciada a obra, será de 6 meses e con esta actuación Portos de Galicia contribúe a facilitar o traballo dos profesionais que operan neste peirao.