Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A XUNTA DE GALICIA INVISTE 100.000 EUROS NA RENOVACIÓN DOS PAVIMENTOS ESGOTADOS NOS PORTOS DE CAMPELO E COMBARRO, NO MUNICIPIO DE POIO

  • As obras que se executan nesta semana permitirán dotar de novos firmes as explanadas e viarios de ambas dársenas e repintar a sinalización horizontal.
  • Portos de Galicia e o Concello acordaron a proposta para reverter ao Estado os terreos innecesarios para a actividade portuaria en Combarro.

 

Poio (Pontevedra), 14 de maio de 2025.-  Portos de Galicia, inviste 100.000 na renovación de pavimentos esgotados nos portos de Campelo e Combarro, no municipio pontevedrés de Poio. As obras atópanse en execución esta semana e permitirán dotar de novos firmes as explanadas e os viarios que presentaban necesidades en ambos portos, así como repintar a sinalización horizontal.

Esta actuación inicia a fase de execución dun plan global para 26 dársenas autonómicas no que Portos de Galicia inviste 1,6 millóns de euros para substituír e reforzar os pavimentos esgotados. No marco deste plan executaranse obras que inclúen a dotación de novas capas de firmes de reforzo, a reposición naquelas zonas nas que o pavimento fora esgotado  e a reposición de firmes de formigón armado, ademais de labores de saneo de explanadas.

Como complemento destas actuacións, atenderase tamén a deixar a cota os pozos, arquetas e sumidoiros existentes e pintarase nova sinalización horizontal. Deste xeito, Portos de Galicia prevé mellorar a seguridade viaria de condutores e peón que transitan pola zona.

En concreto, no municipio de Poio actúase no porto de Combarro, no que se están a renovar os firmes na contorna do peirao e avenida Francisco Regalado, repoñer a capa de rodadura, sanear a explanada e repoñer as marcas viais. Así mesmo faranse obras en Campelo para renovar os firmes do acceso ao porto, zona de aparcadoiro e viais laterais. Tamén se reporá a capa de rodadura e repintaranse as marcas viais.