Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A XUNTA DE GALICIA INVISTE 180.000 EUROS NA RENOVACIÓN DOS PAVIMENTOS ESGOTADOS NOS PORTOS DE RIBEIRA E A POBRA DO CARAMIÑAL

  • As obras que se executarán nesta semana permitirán dotar de novos firmes as explanadas e viarios de ambos peiraos así como repintar a sinalización horizontal.

 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste 180.000 na renovación de pavimentos esgotados nos portos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal, na Coruña. As obras atópanse en execución esta semana e permitirán dotar de novos firmes as explanadas e os viarios que presentaban necesidades en ambos portos, así como repintar a sinalización horizontal.

Ambas actuacións enmárcanse nun plan global para 26 dársenas autonómicas no que Portos de Galicia inviste 1,6 millóns de euros para substituír e reforzar os pavimentos esgotados. No marco deste plan executaranse obras que inclúen a dotación de novas capas de firmes de reforzo, a reposición naquelas zonas nas que o pavimento fora esgotado  e a reposición de firmes de formigón armado, ademais de labores de saneo de explanadas.

Como complemento destas actuacións, atenderase tamén a deixar a cota os pozos, arquetas e sumidoiros existentes e pintarase nova sinalización horizontal. Deste xeito, Portos de Galicia prevé mellorar a seguridade viaria de condutores e peón que transitan pola zona.

En concreto, no porto de Ribeira executarase un novo pavimento en varias zonas do peirao, o aparcadoiro da lonxa, o paseo das Carolinas e a avenida do Malecón. O orzamento total desta actuación é de 140.000 euros.

Polo que respecta á Pobra do Caramiñal, os traballos realízanse na rúa Fernández Varela, entre a rúa da Paz e a Rúa Anxo Rei Ballesteros, no acceso aos peiraos do club náutico e no peirao pesqueiro. O orzamento será de 40.000 euros e incluirá a posta a conta de tapas e rexillas de sumidoiro e reposición de marcas viarias.