Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A Xunta de Galicia ratifica o seu compromiso co desbloqueo do dique de abrigo de Morás, que contará con partida orzamentaria específica para o 2025

  •  O Conselleiro do Mar visitou a dársena do municipio de Xove e informou de que Portos de Galicia vén de recibir o informe inicial para a tramitación da adscrición do terreo á comunidade, o que permitirá desbloquear un proxecto demandado desde hai décadas.

 

Xove (Lugo), 5 de setembro de 2024.- Portos de Galicia está a traballar na finalización do proxecto construtivo do dique de abrigo do porto de Morás, no municipio lucense de Xove. Así o comunicou o titular do departamento autonómico, Alfonso Villares, que visitou esta mañá a localidade para ratificar o compromiso da Xunta de Galicia con esta infraestrutura que dará resposta a unha demanda histórica do sector.

Villares, que estivo acompañado durante a súa visita polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, informou de que o ente público vén de recibir, despois de anos de tramitación administrativa, o informe inicial de adscrición dos terreos do Estado á Xunta de Galicia. Este documento permite por fin á Xunta iniciar a tramitación necesaria para incorporar a titularidade dos terreos á administración autonómica e desbloquear finalmente o proxecto de construción do dique, cuxo estudio de alternativas data do 2006.

Unha vez recibido o informe de adscrición, o conselleiro do Mar incidiu no compromiso da Xunta con esta actuación que, asegurou, contará con partida orzamentaria específica de Portos de Galicia para o 2025. A este respecto informou tamén de que o informe inicial de adscrición recibido do Estado establece unha serie de condicionantes para permitir a adscrición que suporán actuacións de grande envergadura por parte de Portos de Galicia. Entre outros, o Estado establece o requisito de soterrar unha liña eléctrica de alta tensión, derrubar a cetárea existente na zona e demoler os bloques de formigón excedentes da construción do dique de Alcoa, que se atopan acopiados na contorna. Estes requerimentos incrementarán de xeito substancial e imprevisto o custe da obra de construción do dique de abrigo de Morás.

 

Características da obra

A proposta técnica na que a Xunta de Galicia está a traballar para a mellora do abrigo de Morás prevé a construción dun dique de máis de 220 metros de lonxitude en dúas aliñacións. Ademais contémplase a dotación de pantaláns para embarcacións pesqueiras e náutico recreativas. Finalmente contémplase unha zona de aparcadoiro.