Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A Xunta impulsa a divulgación do patrimonio marítimo e a educación azul coa xira do buque ‘Atyla’ por distintos portos galegos.

  • A embarcación escola percorrerá entre o 26 de xullo e o 21 de agosto os peiraos de Vigo, Combarro, Sada, Viveiro, Corcubión e Muros, onde poderá visitarse de balde.

 

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023.- Portos de Galicia, e en colaboración coa Fundación Traslatio, promove a xira do buque escola Atyla por distintos peiraos autonómicos para divulgar o patrimonio marítimo tanto material como inmaterial da comunidade e a educación azul. A súa estadía nas distintas dársenas contribuirá á formación nos valores do mar e a impulsar a remuda xeracional na actividade marítimo-portuaria.

Con este obxectivo, o ente público presidido por José Antonio Álvarez colabora na travesía a vela desta embarcación de madeira, construída na década dos 80 do século pasado coas técnicas de carpintería de ribeira tradicionais e inspirada nos veleiros do século XVIII. Trátase dunha goleta de 31 metros de eslora, sete de manga e 25 metros de alto, dotada de nove velas.

O buque Atyla realizará un percorrido con escala en seis portos autonómicos nos que abrirá as súas portas gratuitamente aos visitantes que desexen coñecer a propia embarcación e o labor divulgativo que realiza de xeito habitual a Fundación Atyla. Ademais acollerá actividades formativas e pequenas saídas de navegación con visitantes a bordo. Tanto as visitas como as saídas son totalmente de balde, pero os interesados deben inscribirse previamente na páxina web https://atyla.org/es/puertos .

O Atyla iniciará a súa travesía desde o porto de Vigo, no que estará atracado entre o 26 e o 30 de xullo. O 31 de xullo recalará no porto de Combarro (Poio), onde poderá visitarse ata o 2 de agosto, e desde alí trasladarase a Sada, porto no que permanecerá do 3 ao 6 de agosto. Días despois, do 7 ao 9 de agosto estará en Viveiro, do 15 ao 17 do mesmo mes en Corcubión e, por último, do 18 ao 21 de agosto no porto de Muros.