Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

O conselleiro do mar reúnese coa confraría de burela para comprobar a mellora das condicións de traballo dos profesionais

O titular do Mar tamén visitou a dársena en compañía do presidente de Portos de Galicia

 

  • Alfonso Villares achegouse ás cámaras frigoríficas que a entidade vén de equipar cunha carretilla elevadora electrónica de 1.600 quilos de capacidade, no marco do proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros
  • Tamén se deron a coñecer as demandas dos usuarios deste peirao e se abordaron os distintos proxectos e actuacións para a instalación, como o reforzo do dique de abrigo  

 

Burela (Lugo), 22 de xaneiro de 2024.- O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe o porto do municipio lucense de Burela para manter unha reunión institucional coa confraría e representantes do sector portuario da localidade. O representante do executivo galego estivo acompañado neste encontro polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez.

 

Durante a súa visita Villares percorreu as instalacións da confraría e concretamente visitou as cámaras frigoríficas das que dispón a entidade para o seu traballo e que veñen de equipar cunha carretilla elevadora electrónica de 1.600 quilos de capacidade. Esta mellora enmárcase nos proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lonxas ou establecementos autorizados para primeira venda ou desembarque, cuxo obxectivo é facilitar o labor diario dos profesionais do mar e impulsar a competitividade do sector e a súa rendibilidade.

Durante a súa visita, o conselleiro do Mar destacou que o porto de Burela é o peirao de maior descarga de peixe fresco do sistema portuario autonómico, cun volume de descargas de arredor de 60.000 toneladas anuais. Para contribuír á mellora das condicións de traballo dos profesionais que nel operan, a confraría de pescadores optou en 2023 ás axudas da Consellería do Mar, con convocatoria ata 2025, para proxectos colectivos de modernización destas instalacións, acadando a subvención do 100% da actuación de mellora das cámaras frigoríficas.

 

Proxectos portuarios

Durante a súa visita a Burela, Alfonso Villares coñeceu tamén de primeira man as necesidades dos mariñeiros da localidade e afondou nos proxectos solicitados para a mellora das infraestruturas portuarias e que se atopan en tramitación, como o reforzo do dique de abrigo. Estas obras están pendentes de saída a licitación ao longo deste trimestre e contan cun orzamento plurianual de 1,4 millóns de euros e unha anualidade neste 2024 de máis de 800.000 euros.