Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

O CONSELLO REITOR DE PORTOS DE GALICIA APROBA A DECLARACIÓN DE INNECESARIEDADE DE TERREOS DOUTROS OITO MUNICIPIOS E AVANZA NAS REVERSIÓNS AO ESTADO

  • O ente público remata así os trámites da súa competencia nos peiraos incluídos na segunda fase do procedemento de devolución á Administración Xeral do Estado da titularidade de solo de uso veciñal para que se transfira, no seu caso, aos Concellos.
  • Os portos beneficiarios son os da Illa de Arousa, Laxe, Moaña, Mugardos, O Grove, Poio, Rianxo e Vilagarcía de Arousa.
  • Na reunión ratificouse o informe favorable ao Plan Especial de Sada-Fontán que permitirá ao Concello a súa aprobación definitiva.

 

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2025.- O Consello Reitor de Portos de Galicia aprobou esta mañá a declaración de innecesariedade de terreos portuarios que non rexistran actividade portuaria en oito municipios, a saber, A Illa de Arousa, Laxe, Moaña, Mugardos, O Grove, Poio, Rianxo e Vilagarcía de Arousa. Esta declaración establece as bases para a súa reversión á Administración Xeral do Estado de xeito que esta poida transferilos aos concellos interesados en asumir a titularidade deste solo de uso público veciñal.

Con esta declaración de innecesariedade Portos de Galicia remata os trámites da súa competencia dentro do procedemento de reversión dos terreos incluídos nesta segunda fase, logo de ter rematado coa primeira en decembro do pasado ano, cando se tramitaron as dos portos de A Guarda, Bueu, Cambados Cangas, Foz, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso (portos de Ponteceso e Corme), Oleiros (porto de Santa Cruz) e Vilanova de Arousa, aprobados tamén polo Consello da Xunta o 7 de abril e remitidos á Demarcación de Costas do Estado en Galicia.

Deste xeito, a día de hoxe Portos de Galicia ten cumprido o compromiso de tramitar a reversión en 17 dos 25 municipios que así o solicitaron. Os oito restantes - Burela, Cariño, Cedeira, Corcubión, Fisterra, Pontecesures, Ribeira e Viveiro - abordaranse nos vindeiros meses.

Os criterios técnicos para definir o solo susceptible de revertirse ao Estado consensuáronse coa Fegamp en novembro de 2024. A continuación mantiveronse reunións con cada un dos alcaldes dos concellos implicados nas que se consensuaron as propostas ratificadas hoxe polo Consello reitor de Portos. A continuación trasladaranse á Consellería de Facenda, que, tras a súa análise patrimonial, a elevará ao Consello da Xunta. Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Goberno central para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final.

 

Plan Especial de Sada

Ademais, o Consello Reitor de Portos de Galicia informou favorablemente o Plan Especial do porto de Sada-Fontán, que se remitirá ao Concello para a aprobación definitiva do plan. Esta ferramenta de ordenación do solo define as características urbanísticas de ambas dársenas, regula o réxime de concesións, as ordenanzas para o desenvolvemento das parcelas e os volúmenes construtivos.

Este informe, preceptivo e vinculante, recolle os cambios derivados dos informes sectoriais recibidos na propia tramitación do plan, entre outros, do Concello e da Dirección Xeral de Costas do Estado, así como das alegacións á proposta inicial.