Publicador de contidos
Portos de Galicia anuncia a inmediata licitación da ampliación do peirao de mexilloeiros de San Adrián de cobres por valor de 1,8 millóns de euros
O conselleiro do Mar e o presidente de Portos de Galicia adiantaron que as obras terán un prazo de execución de 8 meses.
- A actuación mellorará as condicións das instalacións dos amarres das bateeiras, ademais da renovación do abrigo do porto, buscando dar resposta ás necesidades da frota da ría de Vigo.
Vilaboa (Pontevedra), 8 de xullo de 2024.- O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, anunciou este luns a inminente licitación das obras de ampliación do peirao de mexilloeiros, situado na localidade de San Adrián de Cobres. Trátase, segundo explicaron, dunha actuación, dotada con 1,8 millóns de euros, e que mellorará as condicións das instalacións dos amarres deste tipo de embarcacións, ademais da renovación do abrigo do propio porto, buscando dar resposta ás necesidades da frota bateeira da ría de Vigo.
O proxecto contempla a instalación dun dique de abrigo flotante de formigón con francobordo alto e a dotación de 16 prazas de amarre a pantalán para esloras de entre 12 a 22 metros. As prazas dispoñen de fingers de atraque e contarán con conexión de auga, luz e alumeado. Así, dará cabida ao total da frota.
As obras teñen un prazo de execución de 8 meses e a súa tramitación non foi todo o áxil que dende a Consellería se esperaba debido a que se estaba pendente do informe de Estratexias Mariñas solicitado ao Goberno central a mediados de febreiro de 2023.
O porto de San Adrián de Cobres atópase na marxe norte do fondo da ría de Vigo, na enseada de San Simón. Nel conviven a frota mexilloeira e a náutica-deportiva. En canto á zona pesqueira, o peirao actúa tanto como zona de carga e descarga como zona de atracada para o conxunto da actividade pesqueira. Para dar este último servizo dispón dun guindastre de pequenas dimensións e unha zona de naves de almacenaxe próximas ao peirao.