Publicador de contidos
PORTOS DE GALICIA CHAMA A RESPECTAR O CRITERIO TÉCNICO NA ELECCIÓN DO PUNTO DE VERTIDO DE ÁRIDOS PARA A DRAGAXE DO LÉREZ
- A Xunta lembra que cumpre coa legalidade vixente que prioriza os usos produtivos ao devolver os áridos ao mar por tratarse de material non contaminante dada a baixa concentración de metais pesados confirmada en catro campañas de catas.
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, fai un chamamento a respectar o criterio técnico na elección no punto de vertido de áridos para a dragaxe do Lérez. A este respecto lembra que o informe dos organismos competentes, dependentes da Administración Xeral do Estado que valida os puntos de vertido B e E8 –na ría de Arousa- e D –na de Vigo- baséase no traballo desenvolvido pola comisión técnica integrada por Portos de Galicia, Puertos del Estado e o CEDEX, o organismo estatal de referencia en materia de dragaxes, para estudiar as alternativas para o depósito dos áridos. Deste xeito, rexeita que a elección do punto de vertido responda ao criterio económico e reitera que se debe a estudios técnicos realizados polas administracións estatal e autonómica.
Ademais, a Xunta subliña que está a cumprir coa legalidade vixente recollidas nas directrices da Comisión Interministerial de Estratexias Mariñas, da Administración Xeral do Estado, que prioriza os usos produtivos dos áridos, isto é, devolvelos ao mar sempre que sexa posible pola súa calidade. Neste sentido, cómpre destacar que Portos de Galicia realizou catro campañas de caracterización dos materiais para coñecer os seus compoñentes nos anos 2024, 2020, 2016 e 2009 e todos os materiais detectados enmárcanse nas categorías A e B, as de maior calidade e que non presentan contaminación.
16 dragaxe paralizadas
Finalmente, Portos de Galicia lamenta o bloqueo que supuxo a falta de autorización polo MITECO dun punto de vertido para os áridos das dragaxes das Rías Baixas non só para o proxecto de dragaxe do río Lérez en Pontevedra senón para un total de 16 dragaxes que o ente público ten en tramitación para A Pobra do Caramiñal, Aguiño (Ribeira), Cabo de Cruz (Boiro), Escarabote (Boiro), Palmeira (Ribeira), Porto do Son, Portosín, Rianxo, Aguete (Marín), Arcade (Soutomaior), Cesantes (Redondela), Combarro (Poio), Meloxo (O Grove), Santo Tomé (Cambados) e Tragove (Cambados).