Publicador de contidos
PORTOS DE GALICIA CONTRATA POR 127.000 EUROS AS OBRAS DE DRAGAXE DO PEIRAO DO GROVE
- Esta actuación permitirá recuperar o calado necesario para a normal operatividade do peirao así como o acceso, amarre e fondeo da frota en condicións de seguridade
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de contratar as obras de dragaxe no porto do municipio pontevedrés do Grove. O ente público presidido por Susana Lenguas inviste 127.000 euros nesta actuación, que contará cun prazo de execución de tres meses desde o seu inicio.
Os traballos consisten na extracción de áridos en parte da dársena ata acadar a cota -2 en baixa mar. O volume total de material para dragar é de 4.000 metros cúbicos e a superficie será de 10.500 metros cadrados de solo mariño afectado fundamentalmente por sedimentación de areas e fangos.
Esta actuación responde a unha demanda reiterada do sector portuario do Grove e permitirá recuperar o calado necesario para a normal operatividade do peirao así como o acceso, amarre e fondeo da frota en condicións de seguridade.