Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia e o club náutico Illa da Toxa analizan a situación derivada da nova taxa do estado nesta concesión náutica

  • Portos de Galicia e a entidade recreativa estudian as vías para o desbloqueo da ampliación do porto deportivo onde Costas pretende impoñer un canon na superficie adscrita ao porto, de competencia autonómica por transferencia no Estatuto de Autonomía.

 

O Grove (Pontevedra), 21 de novembro de 2022.- Portos de Galicia, e o club náutico Illa da Toxa, do Grove, están a traballar na procura de alternativas para sacar adiante a ampliación das instalacións portuarias que promove a entidade privada e que se atopa actualmente paralizada como consecuencia do novo canon que o Estado pretende cobrar ás concesións portuarias que ocupan superficies adscritas, é dicir, terreos ampliados, a aqueles portos que foron transferidos á Xunta no Estatuto de Autonomía e que xa aboan a correspondente taxa a Portos polos servizos que reciben do ente público. Para avanzar no expediente a presidenta do organismo portuario, Susana Lenguas, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa directiva do club nas instalacións da entidade deportiva, na illa da Toxa.

As melloras propostas polo club náutico Illa da Toxa inclúen o reforzo do abrigo na dársena a través da dotación dun dique aboiante que protexa a lámina de auga na que se ampliarán as instalacións de amarrada dotándoas de novas prazas. A tramitación deste expediente fixo saltar as primeiras alarmas sobre a pretensión de Costas de impoñer un canon sobre o solo adscrito. Neste caso concreto ata se poñen en dúbida os terreos transferidos por non constar o plano aínda que si están expresamente referenciados no expediente de transferencias.

Pese a que dita adscrición conformaría unha entidade única co actual porto sen solución de continuidade coas instalacións actuais, a nova interpretación da normativa que o Estado está a facer ao pretender liquidar un canon ás superficies adscritas a portos transferidos no ano 1982, suporía multiplicar as taxas ao club. A entidade aboaría por unha parte a taxa concesional a Portos de Galicia polos servizos que se lle prestarían e, a maiores, outra taxa ao Estado por un importe que multiplica o da autonómica. Ante a incerteza xerada por esta situación, o proxecto paralizouse temporalmente á espera dunha solución xurídica que permita desbloquealo.

A Xunta de Galicia segue a traballar na defensa da súa viabilidade económica que se ve comprometida coa decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica.