Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia e o concello de Bueu analizan posibles colaboracións para realizar melloras na contorna portuaria

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, mantiveron hoxe unha xuntanza na que abordaron distintas cuestións relacionadas coa ordenación portuaria deste municipio pontevedrés. Entre elas analizaron e debateron sobre distintas posibilidades de colaboración para o control da pesca recreativa no peirao da vila co obxectivo de avanzar na autorización da pesca de lecer coas maiores garantías tanto para os pescadores como para a actividade propiamente portuaria. A finalidade do ente público é alcanzar acordos de colaboración neste eido con outros Gobernos locais e avanzar no que xa se fixo cos concellos de Cervo, Malpica, Muros, Porto do Son e Ribeira.

Ademais trataron distintas cuestións relativas a melloras en zonas municipais vencelladas co ámbito portuario, un asunto que ambas partes se comprometeron a analizar detidamente para comprobar a viabilidade de posibles actuacións conxuntas. Este encontro dá continuidade á visita que Susana Lenguas realizou a mediados de xuño a Bueu e ten como finalidade avanzar na seguridade das instalacións portuarias e facilitar a actividade dos seus usuarios así como facer seguimento das obras de mellora que Portos de Galicia ten proxectadas para este concello.