Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de galicia e o concello de Cambados abordan os proxectos previstos para o municipio

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Cambados, Samuel Lago, para informar do estado das actuacións portuarias en marcha nos peiraos do municipio.

No encontro, o alcalde interesouse polo estado de tramitación das reversións de terreos portuarios declarados innecesarios á Administración Xeral do Estado para que esta os transfira, se así o considera, ao Concello. O presidente de Portos lembrou que a tramitación autonómica deste proceso está rematada logo de que a proposta de reversión quedara aprobada polo Consello da Xunta o pasado 7 de abril de 2025 e remitida ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para a súa aprobación definitiva, sen ter resposta ata o momento. 

Así mesmo, o presidente de Portos informou ao alcalde do novo plan de renovación de firmes e pavimentos portuarios esgotados que o ente público está a elaborar e no que se están a estudar as necesidades dos portos cambadeses. A este respecto valoráronse posibles vías de colaboración entre ambas administracións no caso dos viarios de uso xeral por parte de toda a cidadanía e non só dos usuarios portuarios. No marco da colaboración entre ambas administracións, o presidente de Portos destacou tamén o convenio que se está a tramitar para a autorización ao Concello da instalación de cámaras de control de tráfico e remodelación do parque infantil na zona portuaria.

Finalmente, ambas partes abordaron o estado de desenvolvemento do Plan Especial de Ordenación Portuaria, aprobado definitivamente polo Concello en outubro de 2025 e que se atopa xudicializado pola presentación dun recurso contencioso-administrativo por parte dun particular.