Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA E O CONCELLO DE PONTEVEDRA TRAMITARÁN UN CONVENIO PARA A XESTIÓN E REFORMA DA ESCOLA DE PIRAGÜISMO

  • O presidente do ente público reuniuse coa concelleira de Deportes e a directiva do club, para abordar a rescisión da actual concesión da entidade deportiva a petición propia e trasladala á administración local.

 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2025.- Portos de Galicia, ente adscrito á Consellería do Mar, e o Concello de Pontevedra tramitarán un convenio de colaboración para que a administración local poida asumir a xestión e reforma da escola de piragüismo da cidade, situada en dominio público portuario. Así o acordaron o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e a concelleira de Deportes de Pontevedra, Ana Gulías, nunha reunión esta mañá en Santiago coa directiva da entidade deportiva.

Álvarez Vidal mostrou a disposición de Portos de Galicia a axilizar a tramitación da rescisión da concesión que ostenta actualmente a Escola de piragüismo para a explotación da nave na que desenvolve a súa actividade, a petición da propia entidade. Unha vez resolta esta tramitación, Portos de Galicia e o Concello de Pontevedra asinarán un convenio en virtude do cal a administración local asumirá a titularidade da  xestión do inmoble.

No marco deste acordo, Portos de Galicia asumirá os custes derivados da dotación da rede de saneamento do edificio, mentres que o Concello de Pontevedra financiará a reforma do local para mellorar as condicións da actividade dos deportistas.

Con esta acción Portos de Galicia dá mostra de novo do seu apoio aos deportes acuáticos a través da cesión das instalacións portuarias autonómicas. De feito, a día de hoxe o ente público dispón de 37 instalacións en 28 municipios costeiros destinadas ao piragüismo, rede e vela; deportes que suman en Galicia máis de 7.000 persoas federadas.