Publicador de contidos
Portos de Galicia estuda unha nova alternativa de mellora do peirao de Malpica a petición da confraría
O presidente de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo.
- José Antonio Álvarez subliñou a especial dificultade técnica das propostas para reducir a problemática de axitación e as correntes debido ao fenómeno da onda longa, que non se tivo en conta na construción inicial e sobre o que o ente público realiza estudos pioneiros.
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación cos estudos para a mellora da seguridade e a operatividade do porto de Malpica. Ao respecto, asegurou que o ente público continúa traballando para definir unha proposta técnica de actuación que sexa viable e permita reducir a axitación e o efecto das correntes no porto actual.
En concreto, o presidente de Portos de Galicia informou de que a día de hoxe os servizos técnicos do ente público están a estudar unha nova alternativa solicitada pola confraría de pescadores na última reunión o pasado mes de setembro. Esta posibilidade que se suma ás 8 xa estudiadas, está a requirir novos traballos de campo, entre eles a monitorización de certas zonas da dársena para toma de datos sobre a axitación e efecto das correntes. Estes traballos atópanse en fase final e unha vez analizados os datos derivados exporanse as conclusións.
Durante a súa intervención, Álvarez Vidal incidiu na especial dificultade técnica para dar resposta aos problemas de axitación e correntes na dársena de Malpica, que presenta unha exposición extrema a un fenómeno da onda longa. Este tipo de impacto foi moi pouco estudado ata o momento e non se tivo en conta na construción inicial da dársena nos anos 70 polo que Portos de Galicia está a realizar agora estudos pioneiros neste sentido para dar unha resposta eficiente a unha casuística tan específica como a do porto de Malpica.