Publicador de contidos
PORTOS DE GALICIA INFORMA AO CONCELLO DE VILANOVA DO INICIO INMINENTE DA RENOVACIÓN DAS LUMINARIAS NAS QUE O ENTE PÚBLICO INVISTE 240.000 EUROS
- O presidente de Portos de Galicia trasladou ao alcalde nunha reunión de traballo que nos vindeiros días comezarán os traballos de substitución das lámpadas actuais por tecnoloxía LED con control telemático.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, iniciará nos vindeiros días as obras de renovación das luminarias exteriores do peirao de Vilanova de Arousa, en Pontevedra. Así llo comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, ao alcalde vilanovés nunha reunión de traballo celebrada esta mañá na sede do ente público na que ambos mandatarios afondaron en posibles actuacións de mellora da operativa portuaria.
O presidente de Portos trasladou ao alcalde os detalles desta actuación que suporá un investimento de 240.000 euros por parte do ente público. Trátase da maior partida das preto dunha trintena que conforman o plan de renovación de luminarias para portos das tres provincias costeiras e que conta cun orzamento global de 3 millóns de euros.
En concreto, no porto de Vilanova actuarase sobre 350 luminarias para reducir a contaminación ambiental e luminosa nos espazos portuarios, co apoio dun sistema de control remoto. Así, aportarase maior comodidade visual aos seus traballadores e usuarios ademais de procurar ese aforro enerxético estimado do 60%.
A reversión, pendente do Ministerio
Durante o encontro de traballo, o alcalde interesouse tamén polo estado de tramitación da proposta de reversión á Administración Xeral do Estado de terreos portuarios de Vilanova declarados innecesarios. O presidente de Portos informou de que esta proposta, consensuada o pasado mes de decembro con Concello, foi ratificada xa polo Consello Reitor de Portos de Galicia, trasladada á Consellería de Facenda quen propuxo ao Consello da Xunta a súa aprobación e, unha vez ratificada polo este, foi remitida a Costas do Estado para que o Ministerio de Transición Ecolóxica decida sobre a súa aprobación definitiva.