Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia intensifica as accións de sensibilización para un uso responsable das franxas de mar contiguas á costa e apela á prudencia da cidadanía

  • A Administración galega coordina accións dos distintos organismos implicados neste asunto para a divulgación de medidas de seguridade na navegación nas proximidades da costa e das zonas de baño.
  • O Executivo galego lembra que para garantir a seguridade dos usuarios das praias, e especialmente dos bañistas, están establecidas zonas que limitan a tres nós a velocidade de navegación nunha franxa de 200 metros da costa.
  • A Administración autonómica fai un chamamento expreso á náutica recreativa, aos clubs náuticos deportivos, ás federacións de deportes acuáticos e outras entidades implicadas para que apelen á responsabilidade dos seus asociados e minimicen as interaccións indesexables .

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e representantes da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantiveron hoxe un encontro no que analizaron a seguridade na franxa de mar contigua á costa e acordaron intensificar as accións de sensibilización entre o conxunto da cidadanía para acadar un uso responsable que evite posibles accidentes.

Esta xuntanza serviu para avanzar na coordinación entre os distintos organismos dependentes da Administración galega coa finalidade de que as múltiples actividades que se desenvolven nas proximidades das zonas de baño o fagan cumprindo as normas establecidas, o que evitará riscos innecesarios para os usuarios.

Con ese obxectivo, a Xunta fai un chamamento expreso ao sector náutico-recreativo de Galicia, aos clubs náuticos deportivos, ás federacións de deportes acuáticos e outras entidades implicadas para que apelen á responsabilidade de todos os usuarios e cumpran as normas establecidas para a navegación no bordo litoral reducindo o máximo posible as interaccións entre os bañistas e as embarcacións de lecer ou outros vehículos deportivos.   

Neste sentido, o Executivo galego lembra que o regulamento xeral de Costas recolle que nas zonas de baño marítimas debidamente balizadas está prohibida a navegación deportiva e de recreo así como a utilización de calquera tipo de embarcación ou medio flotante movido a vela ou a motor. Ademais, o lanzamento ou varada de embarcacións debe facerse a través das canles debidamente habilitadas.

Nos casos de tramos de costa non balizados como zona de baño, enténdese que esta ocupa unha franxa de mar contigua á costa dunha anchura de 200 metros nas praias e de 50 metros no resto da costa, polo que nesas zonas non se pode navegar a máis de tres nós de velocidade e extremando a seguridade.