Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia inviste 830.000 euros na adecuación e humanización do acceso ao porto de Raxó no Concello de Poio

  • O presidente de Portos de Galicia mantivo unha reunión institucional co alcalde para comunicarlle o inicio inminente das obras .

 

Poio (Pontevedra), 23 de outubro de 2023.-  Portos de Galicia investirá 830.000 euros nas obras de adecuación e humanización do acceso ao porto de Raxó, no municipio pontevedrés de Poio. O presidente do ente público, José Antonio Álvarez, visitou esta mañá a zona de actuación acompañado polo alcalde, Ángel Moldes.

Durante o encontro institucional, Álvarez Vidal comunicou ao rexedor que a previsión do seu departamento é que as obras podan comezarse nos vindeiros días. Unha vez que se inicien os traballos, o prazo de execución previsto é de 5 meses, polo que poderán estar rematados para a vindeira primavera.

A actuación prevista pretende humanizar o vial, con criterios máis amables para os peóns e inclúe a rede de instalación de servizos urbanos. Entre as accións concretas que se recollen no proxecto de ordenación de usos no acceso ao porto de Raxó figura a nova distribución do espazo viario a través da construción dunha nova plataforma única de circulación con prioridade peonil. Ademais, renovarase a capa de rodadura na baixada ao porto, no tramo inicial do vial actual.

Finalmente, o proxecto inclúe tamén o aumento da calidade do espazo, mediante a colocación de novo mobiliario urbano. Prevese a instalación dun banco lineal de 93 metros de lonxitude, ademais de varandas e papeleiras. Así mesmo, recolle a mellora da eficiencia e estética da rede de alumeado, así como a rede de abastecemento, pluviais e fecais e reforzarase a sinalización.

 

Orzamentos 2024

Durante a súa visita a Poio, o presidente de Portos de Galicia informou tamén sobre outras actuacións no municipio e a comarca de Pontevedra. Así, deu conta da finalización das obras de ampliación da lonxa de Campelo, na que a Xunta investiu 650.000 euros. Igualmente anunciou que os orzamentos do ente público para 2024 contemplan outras tres actuacións na contorna pontevedresa. Así, recollen anualidades para a rehabilitación dos departamentos de Combarro, cun orzamento plurianual de 1 millón de euros; para os departamentos de usuarios de Sanxenxo, cun investimento previsto para os vindeiros anos de 400.000 euros, e a dragaxe do porto de Aguete, cun orzamento plurianual de 180.000 euros.