Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de galicia lembra que as competencias sobre a rexeneración da praia do preguntoiro, en vilaxoán, corresponden á demarcación de costas do estado

  • O ente público é titular dunha parte do areal sen que esta afecte negativamente á dinámica litoral, como recoñeceu textualmente o Goberno central, que no ano 2015 xa investiu 112.000 euros en rexenerar a mesma praia sen solicitar autorización á Xunta

 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2024.- Portos de Galicia lembra que as competencias sobre a rexeneración da praia do Preguntoiro, na localidade de Vilaxoán, no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, corresponden á Demarcación de Costas do Estado, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica  e non á Xunta de Galicia a través deste ente público. Ante as dúbidas prantexadas polo Concello de Vilagarcía en relación á titularidade do areal, Portos de Galicia clarexa que se ben é certo que unha parte do areal atópase en terreo portuario, trátase dunha zona diferente á afectada pola perda de area.

A este respecto, o ente público lembra que a praia mantén as súas condicións naturais e non foi transformada por infraestruturas portuarias nin se teñen constatado que estas exercesen efectos negativos sobre o conxunto do areal, “que non presenta ningún problema en relación coa dinámica litoral e a súa evolución natural”, tal como o propio Goberno central recoñece na resposta a unha pregunta escrita no Congreso dos Deputados o 2 de marzo de 2023.

No tocante ás competencias sobre a rexeneración da praia e unha vez descartada calquera afectación das infraestruturas portuarias á dinámica litoral, non ten cabida unha actuación de Portos de Galicia sobre o areal dado que o artigo 111 da Lei de Costas do Estado recolle que “terán calificación de obras de interese xeral e serán competencia da Administración do Estado as de creación, rexeneración e recuperación de praias”.

Non en van, esta competencia foi exercida con anterioridade polo Estado, tal como se informa no sitio web do MITECO no seguinte enlace: https://www.miteco.gob.es/es/costas/temas/proteccion-costa/actuaciones-proteccion-costa/pontevedra/36-0402b-preguntoiro.html no que se da conta da actuación de rexeneración da praia de Preguntoiro rematada no ano 2015 e orzamentada en 112.227,50 euros. De feito, para executar dita actuación, Costas do Estado non solicituo autorización á Xunta de Galicia para actuar na franxa da praia de titularidade de Portos de Galicia ao tratarse dunha actuación de interese xeral, competencia do Estado.