Publicador de contidos
PORTOS DE GALICIA LEMBRA QUE CATRO CAMPAÑAS DE ANÁLISE DOS ÁRIDOS DO LÉREZ AO LONGO DE 15 ANOS AVALAN A CALIDADE DO MATERIAL PARA O SEU DEPÓSITO NO MAR
O presidente de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos
- José Antonio Álvarez reiterou que a Xunta segue á espera de que o MITECO autorice un punto de vertido para o material que se drague e lembrou que hai dous meses que o Estado conta co informe do CEDEX que sinala como zona prioritaria a que clausurou no 21.
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2025.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos en relación a actuación prevista para a dragaxe do río Lérez na canle de acceso ao porto de Pontevedra. Durante a súa intervención o presidente de Portos incidiu en que a Xunta de Galicia permanece á espera de que o Miteco autorice un punto de vertido para o material que se drague.
Neste sentido, lembrou que hai dous meses que o ente público remitiu ao Ministerio de Transición Ecolóxica o informe do CEDEX, pese a ser este un organismo dependente do propio Ministerio, co obxectivo de axilizar a autorización do punto de vertido, un requisito imprescindible para que Portos de Galicia poida iniciar a tramitación ambiental das obras e que condiciona as características e custe da mesma.
En relación ao informe, o presidente de Portos de Galicia destacou que é resultado do traballo conxunto do propio CEDEX, organismo técnico de recoñecido prestixio, as Autoridades Portuarias do Estado en Galicia e Portos de Galicia e que os tres puntos que recolle como posibles zonas de depósito foron seleccionados polo CEDEX en 2022.
Finalmente, respecto do depósito dos áridos en alta mar o presidente de Portos destacou que Portos de Galicia realizou catro campañas de caracterización dos áridos, validadas polo CEDEX no seu informe, para coñecer a súa composición nos anos 2009, 2016, 2020 e 2024 e que todos os áridos detectados son de categoría A e B, “é dicir, non contaminados”, sinalou e clarexou que “isto non quere dicir que non existan concentracións dalgúns metais pesados, pero son moi baixas”.
Ámbito da actuación
En relación co ámbito no que se proxecta a actuación o presidente de Portos destacou que se trata da dragaxe de maior envergadura de todas as tramitadas polo ente público que abrangue un tramo de 3,2 quilómetros entre a bocana da canle de acceso á cidade dende a ría ata o Club Naval, chegando ao límite da zona portuaria.
Neste sentido indicou que se trata da delimitación que foi obxecto de estudios ambientais durante anos e na que se ten garantida a calidade dos áridos. A actuación fora destes límites require novos estudios batimétricos, novas caracterizacións do material e unha nova análise dos posibles efectos ambientais