Publicador de contidos
Portos de galicia licita por 360.000 euros as obras de reconstrución dun tramo de peirao na dársena interior de Muros
- Os traballos permitirán reforzar a estabilidade de 18 metros de peirao previa demolición ata os cimentos.
- Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles desde hoxe na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de Febrero 2025.- Portos de Galicia, vén de iniciar hoxe o procedemento de licitación pública das obras de reconstrución dun tramo de peirao na dársena interior do porto de Muros. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, deu traslado ao Consello da Xunta do inicio da licitación cun orzamento base de 361.000 euros, IVE incluído.
Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.gal. Os licitadores terán de prazo 26 días naturais para presentar as súas ofertas.
As obras consisten na reconstrución dun tramo de peirao de 18 metros de lonxitude, para reforzar a súa estabilidade afectada pola propia acción do mar. Previamente demolerase ata a súa cimentación toda a parte afectada. Antes de iniciar os traballos será preciso retirar todos os elementos de mobiliario urbano existentes na contorna da actuación. Estes elementos amorearanse ata que se instalen ao final das obras unha vez reparados e substituídas as súas pezas de ancoraxe. Os traballos incluirán tamén a reposición de todos servizos afectados.
O prazo de execución dos traballos, unha vez iniciada a obra, será de 6 meses e con esta actuación Portos de Galicia mellorará a estabilidade dun tramo de peirao de 18 metros de lonxitude co conseguinte reforzo da seguridade para as persoas e maquinaria que circule sobre el, ao tratarse dunha zona accesible ao tránsito.